Na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos celebrada este martes o director xeral de Industria, Enerxía e Minas “comproulle” ao vicevoceiro de En Marea Antón Sánchez o termo para definir a Lei 5/2017, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.
As dúas intervencións de Sánchez estiveron centradas na avaliación dos efectos da instalación de novos parques eólicos na comarca de Ordes e Mondoñedo, con varias alusións directas á desfeita ambiental provocada polos proxectos Mouriños e Pena Forcada-Catasol II, que Naturgy está a instalar co aval da Xunta en Cabana de Bergantiños e Laxe.
“Estes parques vostedes solicitaron que non se declararan de interés especial para que non se aplicase esa lei de depredación”, así de explícito mostrouse Ángel Bernardo Tahoces na súa resposta ao deputado Antón Sánchez antes de percatarse e tentar subsanar o seu erro en referencia á situación dos novos proxectos eólicos na comarca de Ordes.
“Cómo tramitaron a Lei de Depredación, como vostede mesmo lle chamou?” -respostou Sánchez-, recordando que a aprobación da polémica normativa fíxose “cun procedemento de urxencia no Parlamento para furtar o debate social e político” e “para facerlle un traxe á medida” ás grandes empresas “para que estiveran a tempo os seus negocios”.
O tamén voceiro nacional de Anova calificou de “infame” a Lei 5/2017, elaborada “para dificultar a oposición social a estes proxectos, para reducir os prazos, para que a xente tivese menos tempo para enterarse, para informarse e para presentar alegacións, para documentarse e para poder defender os seus intereses”.
“O parque de Sasdónigas é un bo exemplo dos beneficios económicos que o Partido Popular lle trae a este país coa explotación dos seus recursos, recursos do país, o vento, a terra, recursos recursos que se lle regalan a determinadas empresas coa forza da Lei, das leis que vostedes mesmos aproban, por eso evidentemente a Lei apoia a estas empresas. Non se trata só de legalidade ou non legalidade, senón que se legalice o roubo, como vostedes levan facendo neste país moitos anos. O roubo legalizado por leis feitas a medida destas empresas” -espetoulle Sánchez ao director xeral-.
“Vostedes por eso fixeron esa lei que reduce os prazos de tramitación para que a xente tivese menos opción de defenderse. En definitiva, Sr. Tahoces, nós queremos o sector eólico ao servizo da xente, vostedes queren o sector eólico ao servizo das eléctricas. Sr. Tahoces, dimita e deixe de traballar para eses intereses privados” -sentenciou o representante de en Marea-.
Para Sánchez, comportamentos coma os de Tahoces, que terá que declarar como imputado por presunta prevaricación ambiental o 2 de maio, forman parte “do modus operandi corrupto do PPdG”, que somete o país a un auténtico “saqueo” para entregarllo a unhas poucas empresas, “algo que se agudiza nos parques eólicos de nova xeración”