
Luís Villares e Peque González avaliaron esta mañá a influencia que terán os orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2020 en Pontevedra.
Villares calificou a exhumación de Franco como positiva, ao mesmo tempo que lembrou que aínda se precisan moitos pasos máis para recuperar a nosa memoria dun xeito democrático.
O voceiro de En Marea, Luís Villares, manifestou o seu desagrado coa proposta de orzamentos do goberno de Feijóo pois “existen moitas carencias que non se están atendendo correctamente e parécenos especialmente sorprendente que non se atendan mentres se están baixando impostos aos máis ricos”.
Villares criticou que os orzamentos favorecen aos que máis teñen mentres desatenden a quen máis o precisa: “vemos como se cuantifica a baixada do patrimonio as 6 mil persoas máis ricas de Galicia, como se perdoa o imposto de sucesións, como se fan rebaixas fiscais para poder mercar unha casa en primeira liña de praia e que todo isto pasa mentres non chegan recursos para poder atender necesidades educativas, sanitarias e asistenciais que ten todo o país e tamén a cidade de Pontevedra”.
Pola súa banda, Peque González lembrou que novamente quedan fóra da planificación do goberno galego as necesidades da cidadanía de Pontevedra, como manter o uso sanitario do Hospital Provincial ou ampliar o número de prazas públicas de escolas infantís, nunha cidade que deixa cada ano a máis de medio milleiro nenos e nenas sen un servizo básico: “como vimos denunciando en outras ocasións sorpréndenos que se destinen 3 millóns de euros en sanidade, sendo o Hospital Montecelo un hospital cabeceira para o norte da provincia de Pontevedra, ao mesmo tempo que esquecen algo tan importante como é investir no Hospital Provincial para manter o seu uso sanitario. En materia educativa Pontevedra deixa cada ano 500 nenos sen prazas en escolas públicas de 0 a 3 anos. Polo menos unha nova escola é necesaria para a cidade”.
Por último ratificou a aposta de Marea Pontevedra por evitar a ampliación da EDAR dos Praceres: “o señor Feijóo da totalmente as costas a cidadanía de Pontevedra e particularmente á veciñanza de Lourizán, a parroquia máis maltratada da cidade, investindo 12 millóns de euros para ampliar a depuradora. Unha actuación da que estamos totalmente en contra”.
SOBRE A EXHUMACIÓN DE FRANCO
Preguntado pola exhumación dos restos do ditador Villares non dubidou en calificar a actuación como positiva, ao mesmo tempo que lembrou que aínda se precisan moitos pasos máis para recuperar a nosa memoria dun xeito democrático: “hoxe, día 24 de outubro, é un día especial que debería ser un punto e seguido na recuperación da memoria histórica. É un paso necesario pero insuficiente”.
Na cidade de Pontevedra quixo reivindicar a necesidade de que “a memoria democrática restaure a inxustiza do asasinato de Alexandre Bóveda, polo tanto reclamamos que se anulen inmediatamente todas as condenas xudiciais políticas do franquismo”.
O voceiro expresou tres grandes demandas de En Marea para avanzar na recuperación da nosa memoria, comezando por recuperar os corpos das fosas comúns e darlle o descanso que merecen: “hoxe asistimos a unha exhumación moi famosa. Canta xente queda sen exhumar nas cunetas nas fosas comúns en toda Galicia? Son miles. Reclamamos do goberno que, a cargo do Estado, se produza a exhumación e a entrega as súas familias para que poidan enterralos con dignidade”.
A segunda demanda é revisar os beneficios, os privilexios e a impunidade do franquismo que aínda seguen vixentes “por exemplo nos espolios dos botíns de guerra, que deron lugar a que familia Franco aínda reteña o Pazo de Meirás, a Casa Cornide ou as estatuas de Abraham e Isaac, por citar tres exemplos galegos, do mesmo xeito que os privilexios da Igrexa Católica que veñen herdados do franquismo e nada teñen que ver co resto da UE.
Finalmente, como terceira proposta falou na necesidade de investigar a fondo o triste episodio dos bebés roubados durante a ditadura, que están documentados e que aínda non puideron acceder a unha investigación completa para poder recuperar o contacto coas súas familias de orixe ou naturais. “Queremos que hoxe sexa unha data importante pero porque marque un inicio non porque marque un final. A memoria democrática de Galicia, igual que a de España, non pode ser selectiva. Ten que ser completa”.