• Entre os fusilados no Campo de Aragón, morreu o entón alcalde de Ourense, Manuel Suárez Castro, deixando unha carta escrita unha hora antes da súa morte.
• O grupo acompaña a moción dun informe pericial sobre o Campo de Aragón, desenvolvido polo historiador Xosé Lois Gómez García, sobre estudos de especialistas de universidades galegas.
• A praza quedará delimitada entre os edificios do novo complexo cultural de San Francisco.
Coincidindo coa conmemoración do 87º aniversario da proclamación da II República, Ourense en Común rexistraba esta semana unha moción que defenderá no vindeiro pleno ordinario do mes de maio, na que instan ao goberno a poñer en valor, como lugar da Memoria Histórica, o Campo de Aragón do antigo Cuartel de San Francisco de Ourense, “o lugar máis tinguido de sangue de toda Galicia” pola represión que seguiu ao Alzamento Nacional.
O grupo aproveita que os anos de obras no antigo cuartel “semella que están a rematar”, para propoñer “un recoñecemento ás persoas que alí caeron, vítimas da barbarie fascista”.
Nos acordos da moción, solicitan nomear a praza entre os edificios da nova biblioteca, o novo Arquivo Histórico, o antigo convento de San Francisco e o edificio municipal de Artes Escénicas da cidade de Ourense, como Praza da República, instalando nela un monumento como “testemuño dos fusilamentos alí perpetrados e homenaxe ás que loitaron en prol da democracia e a liberdade”, recollendo nunha placa os nomes e apelidos de todas as vítimas, e noutra, a carta escrita polo entón alcalde de Ourense, Manuel Suárez Castro, horas antes de morrer fusilado nese lugar o día 27 de xullo de 1937, como “símbolo para que as novas xeracións coñezan a magnitude do que significou a barbarie fascista”.
Segundo os datos recollidos polo Proxecto Interuniversitario “Nomes e Voces”, no Campo de Aragón de Ourense, morreron fusiladas por orde da autoridade militar 119 persoas; un número que se eleva ate as 133 mortes segundo outras fontes, en ambos casos un número superior aos de outros lugares de represión galegos tan emblemáticos como o Arsenal Punta do Martiño en Ferrol, con 93 fusilados, o cemiterio de Boisaca en Santiago de Compostela, con 76, ou Punta Herminia, na Coruña, con 64.
Martiño X. Vázquez, voceiro do grupo, lamenta que “nada ou case nada se fixo pola memoria dos caídos no Campo de Aragón”, destacando a iniciativa de Amigos da República, que no ano 2005 levantaron un monumento sufragado por subscrición popular, na fosa común do cemiterio de San Francisco, e considera “unha vergoña” que en Ourense “as institucións non fagan nada por dignificar a memoria deses paisanos inxustamente pasados polas armas, e á República, o sistema democrático máis avanzado dos que endexamais gozou o noso país”.