Redacción Galiza

Ourense en Común

•    O texto estase elaborando únicamente con empresas do sector balnearios, excluíndo aos concellos con xacementos termais.
• O grupo detecta no anteproxecto “incoherencias e inconcrecións” que non garanten a sustentabilidade e salubridade no aproveitamento dos acuíferos.
• O borrador contempla “prórrogas excesivas” de ata 75 anos nas concesións para a explotación dos xacementos termais.

    Ourense en Común presentaba esta semana nove alegacións ao Anteproxecto de lei de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia que prepara a Xunta de Galicia, entendendo que concellos como o de Ourense, onde abrollan augas susceptibles de aproveitamento termal, “teñen moito que dicir”.

    O grupo denuncia a falta de participación dos consistorios na elaboración do anteproxecto, que “se está a tramitar en exclusiva con empresas interesadas en lucrarse coa xestión dos balnearios”, e alerta de que o texto “non prevé áreas termais de xestión directa municipal que permitan ofertar un turismo termal accesible económicamente a todos os públicos”.

    As alegacións recollen tamén críticas ao incoherente” método de declaración de “augas termais”, xa que, segundo o borrador, non se precisará informe das augas en materia de Sanidade, cando un dos fins é velar pola salubridade e hixiene destas. “Parece máis acaído establecer a salubridade inicialmente, e garantir o mantemento nesas condicións durante a autorización ou concesión”.

    Ourense en Común bota tamén en falta que non se requira información relevante sobre o impacto na economía, a empregabilidade, ou desenvolvemento turístico do lugar onde se asente un proxecto de explotación termal, e suxire un plan que fomente o cooperativismo, para que de xeito sostible, pequenas empresas poidan participar do tecido empresarial asociado ás augas termais.

    O grupo critica ademais a “inconcreción” sobre as posibles contraprestacións, ou non, pola utilización das augas e considera excesivos” os 75 anos de prórroga nas concesións que contempla o anteproxecto, xa que pode dar pe a “un monopolio con carta branca para privatizar o público”.

DEJA UNA RESPUESTA