Redacción Galiza | Ourense en Común
A iniciativa “A voz do barrio”, de Ourense en Común, está recollendo as inquedanzas da veciñanza por diferentes áreas da cidade e visitaba o pasado 7 de abril a contorna do Xardín do Posío, detectando unha ampla demanda entre as residentes nesta zona referida ao “abandono histórico” do Xardín.
Cos comentarios e suxerencias veciñais, o grupo defenderá a través dunha moción, no pleno de maio, a petición para que o goberno municipal acometa “de forma urxente” accións de seguridade, accesibilidade, rehabilitación e posta en valor deste espazo.
A corporación xa aprobara por unanimidade no pleno de xullo de 2017 unha iniciativa neste camiño, pero coa abstención do goberno do PP para comprometer nos vindeiros Orzamentos Municipais unha partida económica para a súa execución.
O propio edil popular responsable da área de Infraestruturas, Jose Araujo, admitía en xunta de área “ser consciente da problemática” pero escúdase na falta de fondos para realizar as obras; unha cuestión “de fácil solución” para Ourense en Común, xa que podería xestionarse mediante a figura da modificación orzamentaria “como o fan para o que necesitan, como o fracasado plan de obras”.
No ano 1985, case un século e medio despois da súa inauguración como Xardín Botánico ligado á cátedra de Física, Química e Historia Natural do antigo Instituto de Segunda Ensinanza (actual IES Otero Pedraio), as manifestacións veciñais obrigaron ao goberno municipal a acometer unha reforma urxente do lugar. Máis de tres décadas despois, Ourense en Común volve a poñer o foco sobre o completo abandono do Xardín do Posío.