- O grupo pedíu un concurso público “que garanta a transparencia na xestión municipal”, pero o PP quere designar o posto “a dedo, coma sempre”.
- Búscanse perfís con competencias en materia económica, xurídica ou financeira para un posto por catro anos prorrogables.
- As interesadas poderán enviar o seu CV ao grupo por correo-e ata o mércores 16. Ourense en Común comprométese a “esixir que sexan valorados”.
Ourense en Común tomou a determinación de actuar como mediador para cubrir o posto vacante na Secretaría do Tribunal Económico-Administrativo do Concello de Ourense, e facía hoxe un chamamento aberto para recibir currículums e que a persoa que entre no cargo “sexa realmente a que mellor se axusta ás necesidades do traballo”.
Dende que no pasado mes de decembro a praza quedara vacante, Ourense en Común vén solicitando ao goberno que sexa substituída mediante un concurso público, e “non a dedo como quere facer o alcalde”. Segundo o voceiro do grupo, Martiño Xosé Vázquez, “é necesario acabar co enchufismo e estas vellas prácticas de libre designación. Calquera posto dentro da administración pública debería fixarse por baremos obxectivos, valorando os méritos profesionais que garantan a profesionalidade e imparcialidade futura na súa xestión”.
O grupo chama ás persoas interesadas que cumpran os requisitos, a que lles envíen os seus currículos ao correo-e [email protected] antes do próximo mércores 16 de maio. A persoa candidata deberá posuír titulación superior universitaria e recoñecida competencia técnica en materia económica, xurídica ou financeira, valorándose especialmente, a súa condición de funcionaria/o con habilitación de carácter estatal e a súa experiencia no ámbito da facenda municipal. O posto a cubrir tería unha duración de 4 anos, con posibilidade de prórroga.
O Tribunal Económico-Administrativo Municipal é o órgano especializado para o coñecemento e resolución das reclamacións económico-administrativas do Concello de Ourense. Martiño Xosé Vázquez explica que o da Secretaría do Tribunal “é un cargo sensible”, xa que as súas funcións inclúen a tramitación de expedientes de reclamacións económico-administrativas, a redacción de resolucións, ou o arquivo de libros de rexistro e actas, e conclúe que de ser designado “a dedo” polo alcalde, será “susceptible de que o traballo estea condicionado para ir cara onde o goberno quere, e non cara ao interese xeral de Ourense”.