O Concello, gobernado polos populares e con tres edís da formación local Asembleas Abertas, apoia as protestas da veciñanza do lugar de Paradela -parroquia de Foxado- contra o parque eólico Pena Ombra, de 45 MW, que Greenalia Wind Power pretende instalar sen consenso entre os concellos de Sobrado dos Monxes, Curtis e Guitiriz.

A instalación de parques eólicos sen control está a supoñer un prexuizo evidente para as comunidades rurais de Galicia / Creative Commons

Pese aos supostos cambios introducidos pola enerxética, que pasou de 12 a 10 aeroxeradores, o consistorio mantén a súa rotunda oposición, e reclama a elaboración dun novo plan de desenvolvemento eólico que deixe fóra ao territorio municipal, manifestando razóns moi semellantes ás do concello pontevedrés de Lalín, que tamén co voto afirmativo do PP local rexeitou esta semana a implantación de macroparques eólicos na súa área.

Javier Caínzos, alcalde de Curtis, alerta dos moitos efectos negativos que podería ter a instalación de aeroxeradores e as súas moitas infraestruturas asociadas, como a apertura de pistas, a rede subterránea de media tensión, a subestación transformadora ou a torre meteorolóxica prevista, recordando que as cautelas establecidas pola empresa “son insuficientes” pola cercanía de moitos dos aeroxeradores a núcleos habitados.

O Concello considera que “esta instalación afectaría gravemente ás proviedades veciñais, a súa calidade de vida, á súa saúde, a paisaxe e á avifauna“, vulnerando o planeamento urbanístico da localidade e a legalidade vixente ao invadir de maneira parcial o LIC Cova da Serpe, incluído na proposta de ampliación da Rede Natura.

A PAISAXE DE GALICIA, FERIDA DE MORTE COA POLÍTICA ENERXÉTICA DESENVOLVIDA POLO GOBERNO FEIJÓO

Pola súa banda, o portavoz nacional de Anova Antón Sánchez considera que a aprobación das Directrices da Paisaxe por parte da Consellería de Medio Ambiente e a conseguinte campaña de propaganda institucional da súa responsable Ángeles Vázquez Mejuto “non é mais que papel mollado”, dado que o que debería ser un instrumento de protección do territorio rematou por converterse nunha “moeda de cambio” do Goberno autonómico do PP coas grandes empresas do sector.

Sánchez denunciou durante anos de actividade parlamentaria que a medida, que se está a mostrar como un mero acto simbólico e pouco efectiva na actualidade, foi retrasada tanto por Alberto Núñez Feijóo como pola entón conselleira Beatriz Mato Otero, que actualmente ocupa un posto de alta dirección en Greenalia, a mesma empresa que está a impulsar entre outros moitos o parque eólico Pena Ombra de Curtis.

A ex-conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato ocupa actualmente un posto de alta dirección en Greenalia, a mesma empresa que pretende instalar o parque eólico Pena Ombra entre os concellos de Sobrado dos Monxes, Curtis e Guitiriz / xunta.gal

Para o responsable político, que aposta firmemente por un modelo democratizado, o do Goberno de Feijóo “é o modelo do expolio, da privatización dos beneficios fronte ao que debería ser unha oportunidade para todas e todos respectando o patrimonio e a paisaxe”.

DEJA UNA RESPUESTA