O deputado de En Marea advertiu sobre os perigos de non tomar medidas para frear o declive demográfico e a precarización de Galicia.

Galicia perdeu un total de 71.300 persoas nos últimos 10 anos, con especial incidencia entre a mocidade. Isto supón un ritmo de perda de poboación activa (-5,4%) que quintuplica o descenso medio do Estado (1,1%). Galicia conta coa segunda taxa de actividade máis baixa do Estado, cun 53,3% (porcentaxe de poboación activa entre poboación total). O deputado de En Marea, Pancho Casal, falou sobre unha realidade galega máis que preocupante, reflexada no informe do Consello Económico e Social: “O último informe do CES é unha emenda á totalidade ás políticas económicas e sociais da Xunta de Galicia. Comparen os datos aportados por este organismo independente e plural coa Galicia de ciencia ficción que en cada pleno presenta o presidente Feijóo”.

O informe insta aos poderes públicos a favorecer a creación de empregos de calidade no ámbito dos coidados e a reducir o emprego informal no sector. Do mesmo xeito solicita que se tomen medidas políticas para contrarrestar o declive demográfico, nomeadamente das persoas entre 15 e 45 anos no rural.  En Galicia hai 7.800 dependentes sen antención; non se reduce a taxa “constante” do 20% de poboación en risco de pobreza; ao tempo que se apunta a “necesidade” de poñer en marcha un plan galego de saúde mental, con atención a menores e perspectiva de xénero.

En canto as políticas laborais da Xunta de Galicia cuestiona a súa efectividade e critica que os fondos destinados a plans de emprego “estiveron mermados de xeito acusado durante a crise económica”, polo que tamén solicita que o goberno galego reoriente as súas medidas para crear emprego de calidade. Pancho Casal salientou o aumento deos traballadores tempo parcial: “En 2018 as persoas ocupadas a tempo parcial aumentaron un 2,6% en Galicia, seis veces máis que en España” lembrou o deputado.

Outra das medidas salientables do CES, é a promoción  da cooperación entre empresas e institucións educativas, con dúas finalidades importantes: “por un lado, reducir a distancia entre as capacidades existentes e as necesidades do mercado laboral e, por outro, facilitar a transferencia de coñecemento e resultados no ámbito de I+D+i”. No mesmo campo sinalan a importancia de aumentar o grado de inserción laboral das ensinanzas universitarias, introducindo máis prácticas para fomentar a incorporación ao mercado laboral da mocidade.

De cara ao futuro, solicita articular propostas para reter o talento en Galicia e ve na reconfiguración da economía cara un modelo máis ecolóxico como unha oportunidade, coincidindo coas propostas que En Marea leva defendido nesta lexislatura no Parlamento Galego ante a “inacción” do goberno de Feijóo.  Ante a necesidade de apostar por unha transición enerxética sostible, na que a rehabilitación das vivendas xogue un rol protagonista, Pancho solicitou novamente a elaboración dun Plan Galego de Rehabilitación de Edificios e animou ao goberno da Xunta de deixarse de escusas e de ampararse no Presidente do Goberno do Estado:  “parece que sen un Sánchez ao que votar a culpa de todos os males da economía galega o Goberno da Xunta quedaría sen discurso”.

Let’s block ads! (Why?)