A proposta parlamentaria presentada polo deputado Antón Sánchez en forma de Proposición Non de Lei (PNL) ven marcada pola oleada de proxectos de parques eólicos que de man do PP e cunha lexislación feita a medida lánzanse, para o responsable político, «ao suculento negocio do vento».

A proposta para o desenvolvemento dun novo plan sectorial eólico insta a reverter as políticas desenvoltas polo PP na procura dun maior retorno social e un maior respecto ao medio ambiente / Creative Commons

A exposición de motivos do texto dado a coñecer esta semana, ao que puido acceder contrainformacion.es, explica que esta situación está a producirse nun marco normativo «que prima a propiedade das grandes empresas» e a «implantación masiva de parques eólicos cuns criterios laxos a nivel paisaxístico e ambiental» no que ademáis «non se aposta pola democratización da enerxía» de cara á poboación, nomeadamente no rural, baixo criterios de sostibilidade.

Neste senso, as políticas que o Partido Popular está a desenvolver dende o Goberno de Alberto Núñez Feijóo son «de colaboración activa cos grandes capitais» e permiten «que se pase por riba dos dereitos da cidadanía», actuando o goberno galego «como principal obstáculo para a información e participación das persoas e colectivos que se defenden das agresións ambientais, económicas e paisaxísticas» que en moitos casos supoñen estes parques eólicos.

A proposta defendida polo viceportavoz do Grupo Parlamentario de En Marea e portavoz nacional de Anova aposta, en primeiro lugar, pola participación pública, coa apertura dun período de consultas non inferior a 6 meses (cun mínimo de 6 meses adicionais como fase de alegacións), na que poidan participar tanto asociacións e colectivos ecoloxistas, culturais e sociais, así como propietarios dos montes e concellos, coa finalidad de obter propostas que permitan a elaboración dun borrador inicial dun novo plan sectorial eólico.

A PNL defende que o novo plan debe estructurarse nunha serie de piares. O seu primeiro obxectivo é o conseguir un modelo respectuoso «coa conservación dos valores ambientais, paisaxísticos e patrimoniais» que procure «o máximo retorno social da explotación dos recursos, dando prioridade a proxectos de explotación públicos e coeperativas». Neste senso é clave a necesaria ampliación da superficie declarada actualmente como Rede Natura e o establecemento de zonas de exclusión paisaxística determinadas polas Directrices da Paisaxe e os Catálogos da Paisaxe.

Esencialmente, a súa finalidade é a de «fomentar a xeración distribuida e o autoconsumo evitando os grandes parques en lugares que supoñan graves impactos ambientais e paisaxísticos», tendo en conta un financiamento e asesoramento públicos onde as iniciativas cooperativas de produción a nivel local, comunidades de montes e outras fórmulas de carácter comunitario, sexan as protagonistas.

O establecemento de novas medidas fiscais que faciliten o retorno social dos beneficios, tamén é outra das prioridades, a través da modificación do canon eólico e o fondo de compensación ambiental.

No caso dos novos proxectos de iniciativa privada non dedicados ao autoconsumo, búscase dar relevancia a aqueles que «contemplen e faciliten» a participación pública do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) no capital dos novos parques.

En definitiva, a finalidade descrita no texto da PNL non é a de potenciar un «modelo desarrollista» como o que actualmente está vixente no eido eólico, senón un «modelo harmónico» onde económicamente «máis que a potencia instalada se potencie o desenvolvemento de tecnoloxía propia», un sector «con moita máis capacidade a longo prazo de crear emprego e de maior calidade».

Esta proposta parlamentaria chega como contraposición ao sistema que está a manter o actual Goberno da Xunta cara o vento, un recurso público que acaba «en mans duns poucos» e actúa «contra o interés xeral» ao causar «impactos ambientais e paisaxísticos significativos» sen deixar apenas beneficios para a poboación local afectada por estes proxectos.

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario