A portavoz nacional, Ana Pontón, criticou o cinismo de PP e PSOE que mudan o seu discurso con Galiza segundo estean no Goberno ou na oposición, e utilizan este país como arma partidista para desgastar ao contrario sen importarlles os intereses dos e das galegas, como demostra o enésimo anuncio de retraso do AVE.

“Desde o BNG queremos advertirlle ao PP e ao PSOE que xa está ben de usar Galiza como pim-pam-pum das forzas políticas estatais”, criticou Pontón, “e non podemos pasar dun Feixóo submiso con todos os retrasos do PP na chegada da alta velocidade a un PSOE que descubre a física e as matemáticas para anunciarnos o enésimo retraso do AVE a Galiza”.

Nunha visita ao concello de Culleredo, a portavoz nacionalista preguntábase “en que outro territorio do Estado español está pasando isto, en que outro lugar se cuestionan investimentos?”. “Xa está ben que os cambios de Goberno no Estado sexan unha mera alternancia na discriminación con Galiza, neste caso tanto na chegada do AVE” aínda que tamén está pendente a modernización do ferrocarril no servizo de cercanías, que máis aló  do eixo atlántico, non ten nin horarios, nin tarifas nin locomotoras do século XXI para poder desprazarse en tren polo interior do país, concluíu.

 

DEJA UNA RESPUESTA