A entidade indica que a ausencia dun protocolo sanitario sectorial axeitado ante a COVID-19 para o monumento non garante que a cidadanía poida visitar con suficientes garantías sanitarias o centro arqueolóxico e que o réxime actual de visitas e organización estaría a incumprir a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. 

Por iso, considera que a limitación das actividades sería unha medida aconsellable fronte ao rebrote actual do coronavirus, en tanto non se aplique o protocolo de limpeza e desinfección entre as visitas guiadas que se ofertan cada 30 minutos de 10:00 a 19:30 todos os días da semana.

Para a asociación, «a situación actual é de máximo risco» pola variada procedencia das persoas visitantes e usuarias do monumento e convirten o recinto do centro arqueolóxico nunha «bomba de reloxería» en caso de contaxio.

A situación actual da pandemia da COVID-19 non aconsella a realización de eventos a porta pechada, moito menos a carón dunha área arqueolóxica, sinala Petón do Lobo

Por estes motivos, Petón do Lobo pídelle responsabilidade institucional ao deputado provincial de Contratación, Patrimonio e Equipamentos Xosé Luís Penas Corral (BNG) ante o avance da epidemia, pois a xuizo da entidade «calquera toma de decisións debe estar basada en criterios de saúde pública alonxados do xogo político».

Ademáis -sinalan- «mentres en Galicia e no resto do Estado o rebrote do coronavirus está a ser unha realidade, o alcalde do PP de Cabana José Muíño Domínguez insiste nunha postura que non é nin razoable nin sostible nas actuais circunstancias para xustificar a cuantiosa subvención (60.000 euros) que recibe da Deputación coruñesa no Dolmen de Dombate».

A realidade, sen embargo, é que a situación epidemiolóxica está a ser significativamente peor que a mediados do mes de xuño con distintos rebrotes por toda a xeografía galega e co brote con transmisión comunitaria na Mariña aínda activo.

Segundo explicitan, epidemiolóxicamente, a media móbil a 7 días estaba o 16 de xullo en 5,4 novos diagnósticos ao día en Galicia, un valor que quintuplica os mellores rexistros de xuño e que está en niveis similares aos rexistrados nos días previos á declaración do Estado de Alarma, razón polo que a Deputación, como propietaria do ben, debe limitar ou suspender o plan de actividades, en especial as que teñen lugar no interior do recinto. Todo isto, «deixando de lado a idoneidade ou non do plan de actividades do Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate por parte do Concello de Cabana, que en moitos casos non está a favorecer o seu valor como entidade museística». 

Finalmente, dende a Asociación Petón do Lobo recordan que segundo as indicacións da Organización Mundial da Saúde (OMS), o maior risco dase en espacios pechados e que o virtus ten un alto nivel de transmisibilidade por vía aérea, algo que vai alén da distancia interpersoal recomendada e o uso obligatorio de máscara.

Por iso considera que a organización de concertos no pavillón do dolmen en plena pandemia, coma no caso do ciclo «Música na catedral» pode supoñer un problema, «sen dúbida evitable tanto para os intérpretes como para o público asistente».