• Miranda propón crear a Axencia Europea dos Océanos e ubicala en Vigo

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, aproveitou un encontro co sector do mar en Vigo para salientar a importancia de seguir contando cunha voz propia en Bruxelas que defenda os intereses dun sector estratéxico para Galiza, unha defensa que, como quedou demostrado estes anos, abanderou a eurodeputada e candidata Ana Miranda.

“Ninguén vai defender o sector pesqueiro galego senón o fai o BNG. Será Ana Miranda quen defenda un reparto de cotas de pesca digno para Galiza, quen defenda que os fondos europeos de pesca teñen que servir para producir non para esnaquizar barcos, quen defenda destinar fondos para garantir rendas dignas para os e as traballadoras do mar, sobre todo cando se ver forzados a parar por causas biolóxicas ou outras que os deixen temporalmente sen actividade”, explicou.

Non é un frase retórica dicir que “Galiza é unha nación pesqueira”, subliñou Pontón, describe a realidade económica, social e até cultural que a pesca representa para este país cuxa repercusión no PIB é a máis alta de toda a UE.

“Galiza é unha potencia pesqueira e por iso precisa ten unha voz forte, potente e experta que defenda este sector onde se toman as decisións que máis lle afectan. E esa voz é a do BNG a través da nosa eurodeputada Ana Miranda”, recalcou, fronte ao desleixo das forzas estatais que sempre utilizaron este sector “como moeda de cambio” con nefastas consecuencias para Galiza.

Entre as propostas ante a Eurocámara, a declaración de Galiza como zona altamente dependente da pesca, decisión sobre o litoral galego que debe quedar libre da aplicación de TACs, asumir os planos de recuperación de especies, regulación das artes e capacidade inspectora. Na mesma liña, propón a presenza de Galiza, con voz, voto e veto, nas institucións da UE onde se adoptan decisións en materia pesqueira que afecten ao sector.

Igualmente, a trazabilidade dos produtos tanto para garantía do consumidor como para poñer en valor a calidade dos mesmos e que iso se traduza nun incremento das rendas dos produtores, a derrogación do chamado Principio de estabilidade Relativa, porque consagra a discriminación da frota galega en augas comunitarias e batallará para acabar co dislate de prohibir a frota acollerse a programas de modernización, para ganar en capacidade produtiva, en calidade de vida a bordo, en seguranza marítima e para reducir a contaminación.

Finalmente, tamén reclama a xestión directa dos fondos europeos de pesca que corresponden a Galiza. Pontón pechou a súa intervención denunciando a “aberración” democrática de que hoxe non se garanta o dereito ao voto da xente do mar, “aínda non nos explicaron como é posible que voten os astronautas que están no espazo e non os mariñeiros”.

 

Vigo, faro europeo da investigación oceánica

Ademais de explicar o traballo feito ante o Parlamento e a Comisión Europea, Miranda deixou sobre a mesa unha proposta concreta para Vigo: Crear unha Axencia Europea dos Océanos e que teña a súa sede na primeira cidade do país.

“”Resultan indiscutibles os beneficios que para Vigo tería este organismo, ao converter a cidade en faro europeo da xestión e investigación oceánica, ademais de permitir afondar na investigación e na xestión mariña de Galiza e suporía novas oportunidades laborais e empresariais, ao contar coa posibilidade de desenvolver e implantar novas tecnoloxías mariñas e de innovación tendo en conta como elemento primordial o factor ecolóxico”, recalcou.

Pola súa parte, o candidato á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, puxo en valor a cidade olívica como «punta de lanza da potencia pesqueira galega» lembrando que Vigo ten o maior porto de Europa en descarga de peixe fresco. «Vigo non pode entenderse sen a pesca, que de maneira directa e indirecta suma máis de 15 mil postos de traballo na cidade e a súa área», valorizou.

 

Non máis recheos na Ría

Igrexas apostou por desenvolver as «inmensas potencialidades» da cidade no ámbito pesqueiro incluíndo a industria de transformación, máxime tras a desaparición de Freiremar. Entre as propostas, poñer en marcha unha Mesa Local do Porto, con presenza da Autoridade Portuaria, Xunta, Concello, axentes da vida portuaria, Universidade, organizacións sindicais e empresariais e tecido social.

Un espazo co que o Bloque quere poñer fin á «separación entre cidade e porto» e apostar por buscar consensos a favor do seu desenvolvemento sustentábel, en termos económicos, sociais e ambientais. Igrexas cargou contra a “nefasta xestión” do actual presidente da APV, e demandou que o porto deixe de ser “unha especie de senado local para políticos en retirada».

O candidato nacionalista reafirmou a súa oposición a novos “aterramentos na ría”. «O tempo dos recheos acabou. Non imos tolerar ningunha nova agresión ambiental contra a nosa Ría», enfatizou.

Deja un comentario