Xosé Luís Rivas, Olalla Rodil, Noa Presa e Luís Bará son as persoas “capaces e comprometidas co país” que encabezan as listas do BNG para o 5A, unhas candidaturas que representan a Galiza máis viva e dinámica para abordar o reto de liderar o cambio galego.

“Imos a por todas e estamos preparadas para dar un gran salto adiante para mudar as cousas poñendo ao fronte da Presidencia un goberno coas mans libres liderado por unha muller, porque tamén é tempo de mulleres”, expresou a candidata, Ana Pontón, un reto ambicioso, confesou, “pero hai que ter ambición cando se fala do país e non saímos a xogar medio partido senón o partido enteiro”.

A líder do BNG está convencida de que é posible abrir un tempo novo: “non hai día que non me paren na rúa para dicirme que están ilusionados co cambio galego e que este é o momento para dar ese salto histórico de poñer ao fronte da Xunta a unha muller nacionalista. Síntome con moito ánimo e sinto que hai moito optimismo ao arredor do BNG”, proclamou no acto de presentación dos e das cabezas de lista provinciais.

Pontón fixo referencia ao “fastío” coas políticas da dereita e ás ansias dun cambio real para deixar atrás unha década de Feixóo que trouxo unha Galiza “gris e estancada”

“Hai unha maioría que quere cambio real, porque Galiza está estancada cun PP que só ofrece máis do mesmo, unha maioría absolutista inútil que nos fixo perder posicións no emprego, no autogoberno, á hora de defender a nosa lingua, que deixa unha Galiza gris e decadente. No BNG apostamos por unha Galiza en cores, viva, con optimismo e con esperanza”, argumentou a candidata á Presidencia.

A esa maioría que quere un cambio galego apelou Pontón para que, “votasen o que votasen” noutras eleccións, este 5A sumen no BNG o seu desexo de que por primeira vez “o noso país sexa gobernado desde aquí, desde nós,  convencidas de que canto máis autogoberno máis posibilidades de crear benestar, progreso e un futuro mellor. Por iso precisamos un país que se faga valer, unha Galiza que se poña en pé e que non acepte ordes desde Madrid, para poñer en marcha un proxecto propio que dea respostas aos retos do país sen pedir permiso a ninguén”.

Pontón citou Euskadi, cuxas eleccións son tamén o 5A, como exemplo do avance dos pobos que apostan por forzas propias, por un proxecto sen ataduras capaz de facer valer os seus intereses de país. “Iso é o que o BNG ofrece, un cambio galego, pensado desde Galiza que quere poñer en marcha todo o potencial do país, sen mirar cara Madrid, un proxecto aberto, inclusivo, capaz de xerar riqueza e emprego, que defende a nosa cultura, a nosa lingua e a nosa identidade”.

“A todas as persoas que ansían abrir un tempo novo quero dicirlles que desde o BNG non lles imos fallar, que imos estar a altura e imos poñer en marcha o cambio galego pensado desde nós que rompa con tantos gobernos de submisión e con tantos gobernos monicreques”, salientou, apelando a “ilusión e a confianza”. O Bloque ten un proxecto propio para este país “porque non somos un copia e pega de ninguén”, e o reto é “poñer un marcha un cambio galego que deixe atrás a submisión e a dependencia”, concluíu.

Poñer o rural a producir

Por parte das e dos cabezas de lista, Xosé Luís Rivas animou á sociedade galega a unha grande mobilización o vindeiro 5A e destacou co prioridade “poñer a producir as terras abandonadas,  fixar poboación no medio rural e acadar prezos xutos para os produtores e produtoras”. Urxe, dixo, un goberno que prime a “actividade industrial transformadora dos nosos produtos, que poña en valor o noso monte e lugar de estar ao servizo de ENCE ou Grenalia”.

Axenda urbana sustentable

Bará propuxo unha “axenda urbana” para cidades e vilas con medidas contrastadas e  avaladas polo éxito dos gobernos municipais de Ribadeo, Tomiño, Carballo, Allariz ou Pontevedra. “Unha axenda urbana ecolóxica e sustentable, superando a distinción entre medio ambiente natural e medio ambiente urbano”, afirmou.

Destacou a necesidade de usar enerxías renovables, así como  aproveitar os residuos sólidos urbanos e materia orgánica como novos recursos, ao tempo que defendeu  “unha mobilidade” en función da saúde e das persoas. A axenda urbana do BNG, recalcou,  quere situar a Galiza “na vangarda da sustentabilidade”.

A mocidade é o futuro

Rodil apelou lanzou unha mensaxe “de esperanza” a todos os mozos e mozas que traballan no país sen esquecer aos que tiveron que  emigrar  durante a última década. “Son o presente pero tamén o futuro e queremos ofrecerlles a oportunidade de non ter que escoller entre traballos precarios que impiden desenvolver un proxecto de vida autónomo ou as maletas cara a emigración”.

É a hora do feminismo

Presas destacou a gran manifestación en Verín convertido na “capital do feminismo galego” despois da vitoria da reapertura da sala de partos.

“Recollemos as inquedanzas da maioría social para a que que chegou a hora da igualdade e do feminismo e presentámonos ás eleccións cos deberes feitos porque  somos o garante das políticas feministas, como demostramos no goberno ou na oposición e coa incorporación de mulleres referentes do feminismo nas nosas candidaturas”. A mellor garantía é apostar por Ana Pontón,  “a primeira muller presidenta, feminista e nacionalista do noso país”, concluíu.