O BNG aposta por consensuar unha estratexia de país no Parlamento para que Galiza non sexa discriminada no reparto do fondo COVID da UE para a reactivación, –Next Generation-, establecendo os criterios de distribución que teñan en conta a realidade do país e que se traduzan nun mínimo de 12.600 M€, o equivalente ao 9% do fondo europeo.

Un fondo que “nin é a panacea, nin vai resolver todos os problemas”, subliñou a portavoz nacional, Ana Pontón, “pero do que debemos conseguir un reparto xusto porque para a reactivación económica é social é imprescindible recursos públicos e cada euro conta”.

E, para iso, “é fundamental despregar unha estratexia de país para evitar que os recursos se centralicen desde Madrid e que ese centralismo acapare uns recursos que son importantes para enfrontar a crise económica e social”, alegou Pontón. Neste sentido,  o BNG levará ao próximo pleno da Cámara unha proposta a favor dun acordo “que se faga en Galiza pero que se defenda en todas as institucións, empezando polo Congreso, por todos os deputados e deputadas galegas”.

A segunda cuestión que o Bloque reivindica en relación ao Next Generation é que se destine a reactivar o tecido empresarial galego, as PEMES e aos autónomos, para os que demanda un plan de rescate urxente que permita salvar da ruína a sectores como a hostalería, comercio, turismo e  cultura.

“Hai que mirar máis polas traballadores e traballadoras que están en paro, pola pequena e mediana empresa e menos polas grandes multinacionais ou empresas do IBEX”, declarou, tras denunciar que no caso da hostalería ou da cultura soportan de facto “un peche encuberto pero sen axudas”,  pese a que están en risco miles de postos de traballo.

“A resposta do Goberno non pode ser que en 15 días xa veremos ou acaso o Executivo de Feixóo non sabe o que está en xogo?”, interpelou a líder nacionalista, tras cualificar de “ridículas” que se anuncien medidas que non terían unha repercusión real pola súa escasa contía e porque deixaría fora a maior parte dos colectivos afectados.

Neste contexto de crise, urxe que o Goberno do PP faga unha xestión eficaz de cada euro e investilo para “crear músculo industrial e facer de Galiza un referente en innovación, apostando pola sustentabilidade e por aproveitar o potencial produtivo”, sintetizou Pontón.

Nesa eficiencia tamén afondou a portavoz en Bruxelas, Ana Miranda, tras denunciar que o Executivo de Feixóo deixou sen gastar unha parte moi importante dos fondos europeos convencionais no marco financeiro 2014-2020, “o que fai perder oportunidades a este país por unha vía dobre: polo recorte previsto no próximo período 2021-2027 de fondos europeos tradicionais e tamén por esa baixa execución dos recursos previstos para o período en vigor por parte da Xunta”.

A modo de exemplo, Miranda salientou que no caso do FEDER, o Goberno galego só ten gastado un 37% dos fondos comprometidos; un 38% no caso do FSE e un 55% do FEADER. A portavoz na UE criticou a falta de transparencia nos supostos 108 proxectos para concorrer ao fondo COVID europeo anunciados “por un Goberno que é un mal xestor dos fondos europeos e que agora repite anuncios no aire”, criticou.

Participación dos concellos

Miranda tamén fixo fincapé na participación dos concellos no acceso aos recursos tendo en conta que son actores principais na prestación de servizos e responsables tamén da xestión de parte dos fondos europeos tradicionais, pero aos que a Xunta está ignorando en todo o proceso.

O BNG insiste en o Next Generation debe servir para reactivar os sectores produtivos, o tecido económico que conforman as PEMES e o colectivo das persoas autónomas con miles de pequenos negocios, e tamén para abordar unha estratexia de futuro que sente as bases dunha economía verde e circular, onde a innovación e a ciencia xoguen un papel clave. E, por suposto, para reforzar servizos públicos básicos.

Entre as liñas que destaca a formación nacionalista para obter financiamento: reforzar o sistema sanitario, unha aposta pola I+D+i, a reindustrialización dos sectores estratéxicos, dixitalización e supresión da fenda dixital, pola modernización das infraestruturas, por medidas para afrontar o desafío demográfico e pola preservación ambiental.

En todo caso, o Bloque pide transparencia e igualdade de oportunidades para concorrer aos fondos e propón a posta en marcha dun comité con participación do Parlamento, da Xunta e de persoas expertas ao que poda acudir o tecido empresarial, que faga un labor de avaliación e de control “para elixir os mellores proxectos para Galiza desde a transparencia e a igualdade”, concluíu Pontón.