A portavoz nacional, Ana Pontón, cualificou de “fiasco” o resultado da reunión entre o presidente da Xunta e o presidente do Goberno central, “que se saldou sen un só avance para Galiza”, ao tenor das declaracións do xefe do Executivo galego tras o encontro, limitándose a pasar lista, como se se tratase dun inventario, de actuacións e compromisos xa previstos.

“Na súa comparecencia Feixóo demostrou unha total falta de ambición de país, renunciando a defender unha axenda galega. Ao contrario, abriu a porta a un escenario no que se consolida a discriminación e o agravio do Goberno do Estado con Galiza, cun presidente da Xunta que se declara satisfeito polo mero feito de que se cumpran os compromisos orzamentarios. Tan baixo ten o listón do que merecen os galegos e as galegas!”, criticou a dirixente do Bloque.

Pontón tamén expresa o seu asombro e indignación polo feito de que, desde o Goberno do Estado,  o PSOE copie agora o mesmo argumentario que o PP para rexeitar a transferencia da AP9, mesmo co absurdo de alegar quen esta infraestrutura non pode pasar a titularidade galega porque conecta con Portugal. Neste sentido, convida ao presidente do Estado e ao ministro de Fomento “a facer en coche o traxecto Vigo-Portugal para que se sitúen no mapa das infraestruturas galegas”.

E mesmo para abordar a supresión da peaxe de Redondela, que supostamente xa estaba acordada co goberno anterior, limitouse a remitirse a comisión Xunta-Fomento que se ten caracterizado pola súa ineficacia e falta de resultados.

Mesmo en relación á alta velocidade, -tema estrela para Feixóo-, nada novo para Galiza, máis aló de confirmar a data de 2019 para a chegada do AVE a Ourense, última fecha dunha longuísima restra de aprazamentos, pero apenas nada da modernización do ferrocarril. E unha ausencia clamorosa: a recuperación do Pazo de Meirás, nin unha soa referencia sobre un acordo unánime do Parlamento en aras da recuperación da memoria histórica.

Indignación ante o feito de que o PSOE copie agora o argumentario do PP contra a transferencia da AP9

Moito ruído e poucas noces

Con un repetitivo “reclamei exactamente o mesmo” que ao Goberno de Raxoi, -toda unha declaración autoexculpatoria por dez anos de subordinación a Madrid-, Feixóo pasou de puntillas polo sistema de financiamento, sacou peito por un investimento xa comprometido, en relación ás fragatas de defensa, e salpicou a  súa intervención citando prazos e obras longamente retrasados.

“Moito ruído e poucas noces, moita expectativa que se salda con cero novos logros para Galiza e deixa  en evidencia a falta de ambición dun presidente preso do seu propio pasado de subordinación a Madrid”, concluíu Pontón.

Deja un comentario