Sara Ribeiro

“O vello mundo morre. O novo tarda en aparecer. E nese claroescuro xorden os monstros.”, Gramsci

“O caduco tende a recostituírse e a afirmarse dentro das formas recén alcanzadas.”, Marx

WhatsApp Image 2018-02-15 at 18.16.34Nos últimos anos atendemos a un desbordamento das formas de organización e dos conceptos arredor dos que xiraba a política galega, que deron en crear novas dinámicas que fixeron a moita máis xente partícipe. Isto aconteceu en menor medida no feminismo, ao que parece que lle custa capitalizar a todas esas mulleres que están por el, pois a penas as estudantes están en boa medida organizadas ou participando dos debates e organización feministas e tampouco sendo así, funcionando como se lle correspondesen en exclusiva ás organizacións interxeracionais e estas non facéndoo en medida ningunha se temos en conta o avance espectacular que viviu o feminismo no que levamos de século.

Coido que estariamos errando se lle atribuímos a completa responsabilidade disto á dificultade de organizanización intrínseca á fragmentación que nos impón o sistema ou ao factor engadido que aporta o patriarcado sobre as mulleres, de non participación na vida pública. En cambio, debemos revisar como as organizacións feministas aproveitaron as novas dinámicas para utilizalas en termos de lexitimación e patrimonialización, para exercer o control sobre o movemento feminista galego e excluír a todo aquel discurso que non é o seu, cunhas dinámicas de litixio profundamente patriarcais en forma de choque entre organizacións, que van desde rebentar asembleas a desacreditar unha ou outra iniciativa en base a de quen parte. Ademais do seu carácter destrutivo e nada resolutivo, estas dinámicas desmobilizan ás mulleres interesadas en participar do feminismo á par que non lle dan ningunha posibilidadade a todas aquelas que aínda non o fixeron.

A unidade non só pasa porque as organizacións se poñan de acordo en convocar unha única manifestación, vai moito máis alá, necesita deixar de lado a retroalimentación de cada unha sobre si para seguir reproducindo filias e fobias que empequenecen o movemento, estáncano e destrozan as conquistas e os mínimos que supuxeran o esforzo de moitas antes ca nós. A unidade é construír en común para as máis, antepoñendo que todas as mulleres loitamos polo mesmo, a nosa emancipación.

Deja un comentario