Antón Sánchez / Opinión
Podería escribir moito sobre o escandaloso caso de Beatriz Mato es as portas xiratorias a raiz da súa fichaxe pola empresa de enerxías renovables Greenalia.

Por exemplo, e o máis sonado, foi a aprobación do proxecto da planta de xeración de electricidade a partir de biomasa en Curtis, despois da modificación ex profeso dunha norma que limitaba a potencia destas plantas a 10 MW para elevala a 50 MW, para que encaixase o proxecto previsto da súa futura empresa.
Só ésto é suficiente para determinar a clase de comportamentos dos que estamos a falar, e poderíamos falar das moitas decisións dende o seu cargo que afectaron a Greenalia.
Pero hoxe falarei das Directrices da Paisaxe e da súa sorprendente non aprobación a día de hoxe.
En decembro de 2016 Feijoo, despois dun Consello da Xunta, anunciaba a tramitación ambiental das Directrices da Paisaxe de Galiza, que según él estarían aprobadas en 2017 como podedes ver na nota de prensa da Xunta de Galicia.
Beatriz Mato era xa Conselleira de Medio Ambiente e tamén presumiu de que ese instrumento seria fundamental para integrar no territorio as diferentes actividades económicas dun xeito harmonioso. As Directrices da Paisaxe terían como finalidade establecer parámetros de calidade paisaxística e implementarían medidas para acadalos e conservalos.
Entre as propostas contidas nas Directrices estaba un novo Plan Sectorial Eólico (a última modificación do actual é de 2002), pero de ésto escribirei outro día.
No caso do sector eólico o borrador introduce unha serie de medidas que condicionan tanto a ubicación como o xeito en que se pode facer a instalación tendo en conta o impacto paisaxístico.
Condicionan de tal xeito que tanto Gas Natural Fenosa, hoxe Naturgy, como a Asociación Eólica Galega, a patronal eólica, da que hoxe en día Beatriz Mato forma parte da súa Directiva en representación de Greenalia, presentaron contundentes alegacións no periodo de exposición pública, porque evidentemente reducían as posibilidades de negocio.
Paralelamente rematábase o periodo de parálise do sector eólico e en xuño de 2017 convocábase unha subasta de enerxías renovables por parte do Goberno do Estado onde a Greenalia se lle adxudicaron 133 MW e ao sector eólico galego uns 500 Mws en total que deberían de estar instalados antes de 2020.
Para allanarlle aínda máis o camiño a este conglomerado de inversores entre os que hai eléctricas, constructoras, bancos ou fondos voitre, a Xunta de Feijoo e Beatriz Mato, que para o que queren sí que planifican, aproban pola vía rápida, con agostidade e alevosía, a Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais, máis coñecida por Lei de Depredación, coa excusa de evitar as deslocalizacións a Portugal, xa!

Con esta lei os proxectos eólicos de empresas como Greenalia pasaban a ser considerados como proxectos estratéxicos, e se lle reducían á metade os trámites (depende quen sexas tamén a Xunta tamén che reduce a burocracia), reducindo tamén as posibilidades de defensa dos colectivos que defenden o país e da cidadanía afectada.
Con estos acontecementos desatouse unha carreira febril para o desenvolvemento de ata un mínimo de 22 proxectos de parqes eólicos ao longo e ancho do país.
O lóxico entón sería que un goberno responsable aprobase as Directrices da Paisaxe, para que esa febre do eólico se dise nunas condicións que garantisen mellor a conservación da nosa paisaxe da que tanto se gaban os nosos gobernantes. Ou non?
Ou a idea da Xunta era que as Directrices da Paisaxe serían un obstáculo para o negocio destas empresas que terían máis limitadas as posibilidades de implantación dos eólicos e da forma de instalalos?
Non temos unha resposta explícita a esta pregunta. Pero sí sabemos que en setembro de 2020 as Directrices da Paisaxe prometidas para 2017 non están aprobadas.
E éso algo contesta á pregunta. Ou non?
E sabemos que responsable da súa non aprobación ata setembro de 2018 foi Beatriz Mato, daquela Conselleira de Medio Ambiente.
Seguramente eu sexa moi mal pensado. Perdón polo rollo.
–
Antón Sánchez é portavoz nacional de Anova e foi deputado no Parlamento galego nas IX e X lexislaturas.
[…] as portas xiratorias xa falamos. Tal e como explica a OCU dependerá do consumo e da tarifa que teñamos contratadas. A […]