Dende o momento que se coñece a solicitude dun informe de compatibilidade urbanística no concello de Teo para a instalación dunha planta de residuos de dimensións espectaculares (ata 90.000 toneladas anuais de lodos), as casas da contorna e as inmediacións da N-550 vense tapizadas con centos de pancartas rexeitando a súa instalación.

Naceu a plataforma Casalonga Limpa de Residuos fai pouco máis dun mes e dende os seus inicios non parou a súa actividade organizativa e reivindicativa.

O habitual sería presentarse formalmente e logo iniciar a actividade pero no caso desta plataforma non puido ser así pola tremenda preocupación que alarmaba á veciñanza. Necesitaban demostrarlle a Toysal xa, a empresa responsable da planta de residuos, que non querían os seus cheiros pestilentes nin os seus lodos e augas contaminadas pegadas as súas casas e que ían facer todo o posible para evitalo.

Máis de 400 persoas asociadas e demáis veciñanza está convocada para este xoves 12 á presentación formal da plataforma.

As actividades feitas pola plataforma nun mes indican o gran nivel de mobilización da veciñanza:

  • Rexeitamento da instalación da planta de residuos. Pancartas colgadas nas casas que non paran de aumentar. Máis de 400 persoas asociadas e máis de 1200 camisetas vendidas, a parte dos miles de sinaturas recollidas.

  • Andaina reivindicativa do 17 de xuño. Máis de 2000 persoas uníronse nesta convocatoria sin precedentes no concello. Saíndo de sete lugares do entorno do monte de Casalonga, confluíuse na carballeira de Cornide e rematouse a andaina na canteira de Carballal onde Toysal quere instalar “a súa planta de merda” como lle chama a veciñanza.

  • Entrevista coa dirección xeral e tecnic@s de medio ambiente.

  • Comunicación permanente co goberno municipal e as organizacións políticas do concello constatando o rexeitamento de todas elas a este Proxecto.

  • Contactos coas corporaciós municipais dos concellos limítrofes (Ames, Rois, Brión, Padrón, Santiago).Todos eles aprobaron mocións de rexeitamento a esta planta de residuos por unanimidade de todos os grupos. Compostela debatirao no próximo pleno.

  • Participación no acto “Micro aberto. Problemas medioambiental da contorna” deunos a oportunidade de sentarnos con outras plataformas e ter unha visión de conxunto. A necesidade dunha mesa permanente de analise e debate, donde se valore dun xeito máis amplo as políticas medioambientais e de ordenación do territorio que afectan a temas tan sensibles como a minería ou a xestión de residuos.

  • Charla informativa para a veciñanza sobre o proxecto da planta de residuos o 9 de xullo na Casa da Cultura do Milladoiro en colaboración co concello de Ames.

Tras esta actividade incesante a plataforma fai un parón para xuntar as persoas asociadas e demáis veciñanza este xoves 12 ás 20.30 no restaurante San Martiño. O obxectivo desta asamblea é dar a coñecer o traballo da plataforma e mellorar a organización e as súas accións escoitando as aportacións das persoas alí presentes. Dende a plataforma anímase á asistencia de toda a cidadanía que se sinta afectada pola instalación desta planta de residuos ou que necesite máis información sobre as consecuencias da súa instalación na Casalonga.

DEJA UNA RESPUESTA