Daniel Seixo


«Todos os espanhois tenhen dereito a gozar dunha vivenda digna e adecuada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando a utilización do chan de acordo co interese xeral para impedir a especulación.»

Constitución Espanhola


«Iso era todo o que un home necesitaba: esperanza. Era a falta de esperanza o que afundía a un home.»  

Charles Bukowski


Chamábase Alicia e tiña 65 anos. Realmente non tenho moitos máis datos sobre ela, soamente se que vivía no madrilenho barrio de Chamberí e que onte, xusto antes de que a comisión xudicial e a Policía Municipal chamase á porta da súa vivenda para desafiuzala, «decidiu» suicidarse precipitándose ao baleiro desde un quinto piso. Con total seguridade, Alicia non ocupará os titulares, non percorrerán as rúas das nosas cidades grandes manifestacións no seu nome e a súa morte, non servirá para cambiar significativamente nada en todo este gran circo.

Moito antes de que Alicia se víse forzada a saltar ao baleiro, a sociedade xa debuxara o seu destino. Unha sociedade de consumo deshumanizada, capaz de negociar coa vida e a morte, capaz de chamar á túa porta para expulsarte do teu fogar sen mirar atrás, sen reparar nas fotos de toda unha vida no último caixón da mesilha de noite, sen notar as bágoas de toda unha semana sobre a almofada vendo tan preto o abismo ou a soidade e impotencia dunha persoa maior que non soubo como reaccionar a un mundo que
desconhece. A un barrio, que fai tempo non é o seu.

Algúns dirán que existían alternativas, citarán leis ou medidas paliativas ou mesmo prometerán cambios políticos estéticos pero pouco efectivos. Poucos se pararán demasiado en mirar ao seu redor e ver o verdadeiro problema: o uso da vivenda -os nosos fogares- como un mero ben especulativo. Outra melha no Garrote vil dun sistema económico e social, no que o rendemento monetario é o único fin. Vivimos inmersos nunha realidade na que á vez que o suposto novo progresismo aproba mega proxectos como a Operación
Chamartín, o propio Chamberí é nomeado como «un dos barrios máis molones» do mundo e a especulación inmobiliaria na capital salpica á familia Aznar ou mesmo á oposición venezolana, os barrios madrilenhos se desangran. Airbnb, restaurantes veganos a vinte euros o prato, librerías étnicas, cafeterías ecolóxicas e un microcosmos de etiquetas deshumanizadas en forma de bloques de edificios que dunha forma máis ou menos directa, contribuíron a empurrar a Alicia ao baleiro coas súas dinámicas económicas afastadas do uso social do chan.

Ningún de nós parece pararse a recapacitar durante un segundo na gravidade dun desafiuzamento, no sinsentido de deixar na rúa a unha persoa para entregarlhe as chaves da súa casa a un banco, un fondo voitre ou un gran investidor. Dáme igual, resúltame indiferente que cabeza da hidra é esta vez a que propiciou unha nova dentada mortal á clase social trabalhadora. Conhecer o seu nome ou a súa condición particular, unicamente podería servir para plasmar unha cifra máis ou menos exacta da parte do rescate bancario que foi a parar aos seus petos, pero… Para qúe? Seica algún de nós vai saír á rúa para esixirlhes que nos devolvan o que nos roubaron? Seica algún de vós pensou en plena resaca do BlackFriday na paradoxa de que a súa crise fortaleceunos mentres Alicia era obrigada a precipitarse ao baleiro?

Non vou entrar unha vez máis nun baile de cifras, no discurso dunha vivenda pública ao servizo da cidadanía ou no insulto dun corpo de seguridade público formando parte dun desafiuzamento. Négome a facelo, négome a seguir plasmando palabras sobre un papel, cando o son do corpo de Alicia impactando violentamente contra o teito dunha furgoneta non conseguiu espertar a todo un pobo.

O aluguer de Alicia con Apartamentos Galileo -unha empresa que ten numerosos estudos céntricos- era de 500 euros ao mes, unha cantidade irrisoria para todos aqueles que se negan a subir o noso SMI, as nosas pensións ou a investir máis en vivenda pública, pero unha cantidade suficientemente afastada mes a mes para unha dona madrilenha de 65 anos á que lhe gustaba saír a tomar un café todas as tardes coas súas amigas.

Contaba recentemente o xornalista Ramón lobo, que lhe encantaba cruzar pola praza Maior co seu carrinho de compra, rompendo o clímax turístico do centro de Madrid. Serán unicamente persoas como el as que manhá lembren a morte dunha vecinha. Eses que aos poucos ven como os seus barrios do centro da capital son invadidos por diversas iniciativas especulativas e por unha clase social privilexiada, que outrora os abandonou medorentos dos yonkis, as putas ou os raspinheiros que os poboaban, pero que agora regresan a eles -atraídos polas galerías de arte e a curiosa e desenfreada vida nocturna- expulsando se resulta necesario para iso a todos aqueles que entón quedaron para fraguar unha vida nas súas rúas. Os turistas, os posmodernos de toda condición, os hipsters, todos aqueles que buscan definirse mercantilmente nunha sociedade desclasada e deshumanizada, non lembrarán a Alicia ao pisar as rúas onde perdeu a súa vida, nin meditarán sobre o charco de sangue no que os vestixios da súa clase social se afundiu froito da presión urbanística. Seguiranse vendendo madalenas de cores a dez euros a peza, os carrís bici suporán o late motiv da nova política e os artistas urbanos debuxarán unha arte cara pero cada vez con menor sentimento na súa rúas. Chegarán outras Alicias, novos desafiuzamentos, novos vecinhos… e as rúas seguirán baleiras. Sen ruído, sen ansias de cambio, sen esperanza, quizais xa sen alma, dado que nalgún momento, non moi ben definido, non exacto, puxémoslhe prezo tamén a isto.