En Marea ven de presentar a primeira Proposición de Lei de Publicidade Sanitaria de Galicia. Un texto que dende hai anos demandan os profesionais a través de distintos Colexios; e que pretende poñer couto á publicidade enganosa e servir de instrumento para que a administración controle de xeito efectivo o intrusismo e os anuncios de supostos servizos sanitarios e resultados non probados ou irreais. Lamentablemente, a norma non puido prosperar debido ao voto en contra ado Partido Popular.

A deputada Eva Solla foi a encargada de presentar unha proposición de lei pensada para velar polo dereito da cidadanía a unha asistencia sanitaria rigorosa, de calidade e prestada por profesionais debidamente formados. Unha norma traballlada e elaborada sobre as repetidas evidencias de fraudes e anuncios enganosos que nos últimos anos están a proliferar ligados ao eido sanitario.

Durante os últimos anos non son poucas as veces que Colexios Profesionais como o de Fisioterapia, Podoloxía ou Psicoloxía ou asociacións como a de Matronas teñen denunciado a proliferación de falsos servizos profesionais con falsos profesionais e falsos títulos non sanitarios“, explica a deputada de En Marea. Que destaca ademais a evidencia de que, a pesar de que o intrusismo laboral sexa xa un delito tipificado, iso “non signfiica de por si que existan mecanismos que permitan á administración ser produtiva á hora de perseguir estas fraudes”.

A nosa Comunidade non conta ata o de agora con ningunha lei que regule a publicidade de servizos sanitarios que poden facer empresas e particulares. Existe un decreto, pero trátase dunha norma moi limitada con escasa aplicación práctica á hora de fiscalizar as posibles fraudes, e con nula participación das profesionais“, indica Eva Solla.

A Xunta afirmaba o pasado ano que a inspección sanitaria tiña realizado 30 actuacións contra o intrusismo profesional. Unha cifra a todas luces irrisoria, pois unicamente os expedientes abertos polo Colexio de Podoloxía en relación con este asunto acadaron os 31 durante o mesmo período.

Ademais de controlar o intrusismo e a prestación servizos sanitarios por persoas non capacitadas para facelo, a lei presentada por En Marea pretende servir de garantía para que a cidadanía reciba información suficiente e rigorosa sobre tratamentos e servizos. Nesa liña, Eva Solla lembra as denuncias da asociación de afectados pola ciruxía ocular refractiva, que non foron tidas en conta pola administración sanitaria a pesares da extensa documentación aportada; pero que, sen embargo, si motivaron un expediente da Asociación para a Autoregulación da Comunicación Comercial Autocontrol.

En Marea entende que non é de recibo “que un organismo privado sexa o único medio ao alcance das persoas usuarias de servizos sanitarios” para denunciar estas malas prácticas. “Non é de recibo que non se teña en conta a desprotección do dereito á saúde que pode supor enfrontarse a publicidade enganosa que ofrece resultados ou servizos que non son reais“, destaca Eva Solla.

Tampouco poden quedar á marxe do pertinente e a todas luces necesario control negocios privados que ofrecen servizos sanitarios, como residencias de maiores, centros de dia ou centros de atención a persoas con diversidade funcional ou cognitiva. “O pasado ano En Marea denunciou na Comisión 5º un caso que significaba un paradigma de publicidade enganosa. O dun fogar residencial de maiores que ofrecía servizos sanitarios cos que non contaba. Esta situación obrigaba ao persoal público do SERGAS a facerse cargo. Pero tamén supuña unha evidente desprotección das persoas usuarias, dos seus dereitos como consumidores e á protección e a saúde. Sen embargo, a Consellaría de Sanidade obviou a denuncia“.

Así as cousas, En Marea pretende dotar á administración de mecanismos suficientes para poñer couto a prácticas de corte mercantilista que en ningún caso deberan permitirse; moito menos vinculadas a un ámbito tan sensible como é a sanidade e a prestación asistencial a persoas doentes ou necesitadas de coidados.

Deja un comentario