Cornado Mina Non presenta unha queixa ante a Consellería de Emprego e Igualdade pola utilización de persoas en situación de desemprego a favor do proxecto conxunto que Atalaya Mining e Explotaciones Gallegas pretenden desenvolver na área de influencia de Santiago de Compostela.
A plataforma veciñal informa de que a empresa Cobre San Rafael está a a inscribir ás paradas e parados que entregan o curriculum no seu colectivo instrumental, autodenominado “Asociación Plataforma de Traballadores Mineiros Touro O Pino” para “simular apoio social”, dado que a entidade creouse por parte de empregados da mineira “co único obxectivo de fragmentar a maioritaria oposición da veciñanza” e tentar sacar adiante o proxecto de reapertura da polémica explotación de cobre de Atalaya Mining e Explotaciones Gallegas.
Por outra parte, Cornado Mina Non sinala que o colectivo da mineira manipula habitual as cifras de supostos “socios”, pois no mes de setembro pasou, dunha semana para outra de falar de “máis de 1.000” socios a “máis de 1.300”, o que “aínda tendo en conta a irrealidade da cifra non deixan de ser persoas en situación de desemprego que na súa meirande parte descoñecen o uso torticeiro que se está a facer do seu requerimento laboral”.
“A suposta plataforma de ‘Mineiros Touro O Pino’ foi concibida dende a mineira e a prol do obxectivo comercial da mineira nunha estratexia de marketing corporativo cuidadosamente deseñada dende os despachos da empresa, Tanto é así que as propias oficinas de Cobre San Rafael na localidade de O Pino aparecen plenamente identificadas cos logotipos da súa asociación instrumental sen dúbida porque unha e outra son as dúas caras da mesma moeda” -remarcan dende a plataforma veciñal-
Ademáis, indican que “chama a atención” o comportamento do colectivo instrumental en Facebook, que pasou ao pouco tempo da súa creación “duns poucos seguidores a máis de 6.400” o que fai pensar “na potencial compra de followers nunha política totalmente prohibida pola rede social”. En contraste -indican- “a conta de Mina Touro O Pino Non ten máis de 8.600 persoas reais conectadas e a de Cornado Mina Non máis de 1.700 acumuladas ao longo de anos de loita veciñal”.
Por todos estes motivos, Cornado Mina Non ven de presentar unha queixa ante a Consellería de Emprego e Igualdade demandando que inste á mineira a deixar de lado este tipo de comportamentos “que só contribúen a enrarecer o ambiente social e atenden única e exclusivamente ao interés particular dunha empresa que só busca o seu máximo beneficio comercial”.
RECLAMO AO ICOG
Doutra banda, Cornado Mina Non ven de facer público o seu rexeitamento á utilización que Pablo Núñez Fernández, delegado en Galicia do Ilustre Colegio Oficial de Geólogos (ICOG), está a facer dunha institución que debería ser de referencia -e por definición neutral- a favor do proxecto de reapertura da mina de Touro.
A entidade veciñal considera “totalmente inaceptable” que Núñez, como empregado de Cobre San Rafael e tamén membro da súa asociación instrumental de “Mineiros Touro O Pino”, esté a falar en nome de todas as xeólogas e xeólogos colexiados en Galicia “cando nin todos saben que isto acontece en semellantes termos nin por suposto todos están a favor do Proxecto Touro” porque “aparte das tarefas de exploración e investigación mineira este colectivo profesional tamén traballa en moitos outros ámbitos diferentes, como por exemplo no ensino en centros de educación media e superior”.