A mineira canadense Edgewater Exploration Ltd. perde a súa última esperanza de retomar o plan extractivo máis polémico da historia galega recente.

Protesta de agricultores contra a mina de ouro de Corcoesto / Asociación Salvemos Cabana

Segundo o comunicado emitido pola compañía o pasado 14 de abril, despois dunha audiencia na capital francesa no ano 2018, España gañou o proceso de arbitraxe internacional que a subsidiaria de propiedade total da compañía, Corcoesto S.A., comezara en 2016 amparándose no tratado bilaterial de investimentos España-Panamá baixo a regulamentación da Comisión de Nacións Unidas para o Dereito Mercantil Internacional ( CNUDMI).

Así, o tribunal de arbitraxe confirmou, dous contra un, unha das objecciones presentadas por España desestimando finalmente a reclamación da mineira. Hai que lembrar, ademais, que en 2018, a Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) xa avalou a decisión da Xunta de paralizar o proxecto baseándose na carencia de solvencia técnica e financeira do mesmo, e que, en marzo de 2019, foi o Tribunal Supremo quen apoiou esta decisión.

Para a Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana, esta nova «supón un revés practicamente definitivo»para os plans da mineira canadense Edgewater Explotation Ltd. na Parroquia Cabanesa e un proxecto «que nunca debeu plantexarse ni moito menos apoiarse polo Goberno galego».

Ademáis, consideran positivo que os intereses particulares do alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño Domínguez (PP), «non prevaleceron en ningún caso fronte ao sentido común e a saúde das veciñas e veciños do municipio, sendo este o maior dos seus fracasos».

OITO ANOS DE LOITA CONTRA O PROXECTO MINEIRO DE CORCOESTO

En 2012, Salvemos Cabana opúxose ao desenvolvemento do proxecto mineiro chegando a recoller casi 24.000 sinaturas contra o mesmo ao considerar que era ambiental ambiental e socialmente insostible e desde a Xunta non se tiveron en conta a opinión de entidades e especialistas, que vían a actividade extractiva na parroquia de Corcoesto -a máis pequena poblacionalmente das dez que integran o concello-, como non compatible coa protección do tecido produtivo e os valores naturais a conservar.

Neste sentido, o colectivo manifesta que «preocupou desde o principio a posible afectación ás fontes de emprego da Costa da Morte, como son as actividades tradicionais como a agricultura, a gandería, o marisqueo e a pesca, pero tamén a outras actividades coma o turismo rural», cada vez con máis puxanza na Comarca de Bergantiños.

A asociación indica que outra das claves para rexeitar o proxecto era «a proximidade co río Anllóns, o seu estuario e a súa área de influencia, considerado como un das mellores paisaxes de Galicia, coa presenza de zonas protexidas a nivel europeo como a Zona Especial de Conservación ( ZEC) Río Anllóns e a Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) Costa da Morte».

Sen embargo, para a entidade, «o maior risco do proxecto era a utilización do cianuro de sodio como reactivo na recuperación do mineral, pois o plan de traballo da empresa prevía utilizar 546 toneladas anuais deste composto de alta toxicidade». Segundo indican nun comunicado «os temores víronse referendados» ao descubrir que o propio Parlamento Europeo, no ano 2010, aprobara unha resolución instando os Estados á súa prohibición e a non prestar apoio «de forma directa ou indirecta, a ningún proxecto da UE no que se empreguen tecnoloxías mineiras a base de cianuro ata que sexa aplicable a prohibición xeral, nin se apoien proxecto desas caracterísitcas en terceiros países», considerando, textualmente, que esta substancia «está considerada coma un dos principais contaminantes e pode ter un impacto catastrófico e irreversible na saúde humana e o medio ambiente e, polo tanto, na diversidade biolóxica».

As peores sospeitas sobre o perigo que entrañan este tipo de proxectos -relatan- confirmáronse cando a mina asturiana que foi elixida de «modelo» para mostrar as bondades da minería do ouro a un grupo de veciños e veciñas da comarca de Bergantiños, a de Belmonte de Miranda, recibiu no ano 2014 senllas sancións de 84.000 e 242.920 euros por parte da Confederación Hidrográfica do Cantábrico por diversas verteduras tóxicas de elementos como selenio, arsénico, fluoruros, zinc, níquel, cobre e, por suposto cianuro, provocando un grave problema ambiental na conca do río Narcea.

Tendo en cuenta todos estes factores, para Salvemos Cabana «sen dúbida a Administración galega tomou a decisión máis axeitada ao cancelar o proxecto de Corcoesto pero a día de hoxe custa entender como, ao principio do mesmo, a Xunta pareceu pasar por alto o denominado Principio de Cautela ou Precaución, mencionado no artigo 191 do Tratato de Funcionamento da Unión Europea, que é un dos piares do que debería ser a acción política a nivel comunitario e pretende garantir un nivel de protección do medio ambiente, a saúde humana e a biodiversidade grazas ás tomas de decisión preventivas cando o risco é evidente».

AGRADECEMENTO

Finalmente, e tal como xa fixo constar en outubro de 2013 logo do anuncio de cancelación do proxecto, a Asociación Salvemos Cabana desexa agradecer públicamente «a colaboración de todas aquelas persoas, entidades e institucións que fixeron posible que, a día de hoxe, a reapertura da mina de ouro de Corcoesto non sexa unha realidade».