A portavoz do Bloque en Europa, Ana Miranda, defende a importancia de que Galiza estea incluída no Corredor Atlántico de Redes Transeuropeas de Transporte neste novo período de financiamento como un dos elementos clave que deben servir para impulsar un desenvolvemento económico sostible e na aposta polos modelos de transportens sustentables na loita contra a emerxencia climática. Miranda defendeuno así tras asistir á conferencia “O Noroeste nos corredores do Atlántico: retos e estratexias”, organizada polo grupo Prensa Ibérica e celebrada na Estación Marítima de Vigo.

“A inclusión de Galiza no Corredor Atlántico é urxente e indispensable para contar cunha economía forte, tal e como sempre defendeu o BNG”, salientou a portavoz do Bloque en Europa, quen considera indispensable a intermodalidade dos portos galegos co transporte ferroviario de mercadorías, tento en conta ademais que segundo a UE no horizonte do 2030 deberían estar dotados con todos os servizos os diferentes corredores.

Ana Miranda subliña que a inclusión das cidades galegas neste corredor transeuropeo trátase dunha constante aposta do BNG e demandada no Parlamento de Galiza e no Europeo. Como eurodeputada defendeu na lexislatura pasada a inclusión de Vigo e A Coruña nesta rede no ano 2013, pero o goberno do PP decidiu investir noutros territorios, “polo que Galiza aínda sofre as consecuencias das oportunidades perdidas”.

Iniciativas do BNG

En concreto, tres das emendas presentadas no Parlamento Europeo para o período de financiamento 2014-2020 referíanse á inclusión do porto de Vigo na rede nodal de portos europeos, a modernización da liña Vigo-Porto e a inclusión do noso territorio ao Corredor Atlántico de transporte de mercadorías por ferrocarril.

nA portavoz do BNG en Europa reclama que neste futuro marco europeo, o futuro Goberno ten que modificar a proposta de ADIF para conectar o Porto de Vigo e Coruña, porque senón vai ter graves repercusións económicas para Galiza, tal como vai pedir o BNG no Congreso.