Anova | Redacción Galiza

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 17-M 2017

Sería desexable que o Día das Letras Galegas dera ido máis alá da memoria literaria, da liturxia, dunha simple conmemoración da existencia da nosa lingua.

Máis alá da homenaxe aos nosos escritores e escritoras e da necesaria difusión dun sistema literario erguido contra toda adversidade, o Día das Letras Galegas foise convertendo por acción popular nunha xornada de reivindicación dos nosos dereitos lingüísticos e por tanto dunha crecente extensión social do idioma que entre nós vimos creando desde hai séculos. Trátase de manter viva e con futuro a lingua, e iso quere dicir que teimamos en vivir nela o presente. Porque é ese dereito fundamental o que segue a estar en xogo: vivirmos a totalidade das nosas vidas na lingua que nos é propia. Non é, pois, a lingua en si a que debe ser reivindicada; é o noso dereito a usala en cada lugar, en cada espazo, en cada actividade, en cada momento das nosas vidas.

letrasgalegas2017

Son moitas as razóns polas que ese dereito fundamental non está nin de lonxe garantido entre nós. Entre elas, a nosa situación de subalternidade e o goberno totalitario dese ente que algúns denominan mercado. Nese contexto desfavorable, as políticas aplicadas polos gobernos do Partido Popular, radicalizadas desde o asalto de Núñez Feijóo á Presidencia da Xunta, son un exemplo de intervención política destinada a destruír conscientemente toda posibilidade de que a lingua acceda a usos sociais novos, orientada a esnaquizar todo avance social, por tímido que fose. A deixala convertida nunha peza museística sen vigor. Ante esa determinación política, que proxecta unha Galicia diglósica na que a lingua propia se manteña relegada ao ámbito privado, non queda máis que a mobilización permanente e unha acción política de defensa constante dos dereitos de nós como usuarias.

Son moitos os ámbitos sociais nos que os usos da lingua acusan o peso da man uniformizadora do mercado e a profundidade demoledora e xenocida do poder político. Dicimos xenocida porque os señoritos que gobernan ven a nosa lingua e a nosa cultura como realidades estrañas; no fondo, vennos as galegas e os galegos coma unha nación estranxeira en si mesma.

A administración da Xustiza é un deses ámbitos sobre os que pesa unha alta responsabilidade tanto da Xunta coma do goberno do Estado e do propio poder xudicial. Pero as dificultades, os impedimentos, para sermos usuarias da nosa propia lingua invaden a realidade día a día. Desde as enormes complicacións para poder tramitar un DNI, un pasaporte ou unha denuncia; desde calquera actividade ligada ao lecer, como ver cinema, manexar novas tecnoloxías ou ter acceso á literatura universal; desde a nosa relación coa administración do estado; desde a relación coas nosas propias fillas e fillos, forzosamente socializadas en castelán, nun asalto brutal ao concepto mesmo de lingua materna; desde a mínima experiencia cotiá ata o simple uso dos medios de comunicación escritos e audiovisuais, entre os que o galego ocupa un lugar residual. E no ensino, no corazón mesmo do  espazo de socialización en que florece toda lingua nunha sociedade contemporánea, contra o que Núñez Feijóo e a súa brigada concentran as armas pesadas da súa política de aculturación e lingüicidio.

17MAIO2017 1

Todo isto, a condición subalterna de Galicia, o feito da lingua vivir e sobrevivir no corazón das clases populares, as invasións das leis do mercado, un goberno infame que lexisla contra a cultura e a lingua do pobo que di representar, condúcenos a esta situación de grave precariedade lingüística. O panorama non parece conducirnos ao optimismo. As cifras de descenso nos usos do galego, especialmente entre a mocidade, son reveladoras de todo o que está ocorrendo. Son expresión do estrago que están a producir as políticas lingüísticas derivadas da aplicación do infausto decreto “de plurilingüismo” de Feijóo. E tamén, e non de menor importancia, resultan da negativa do goberno a intervir con políticas de promoción e axuda deseñadas para contrarrestar outros factores de índole tecnolóxica, económica, cultural, social, familiar, etc. Toda política lingüística implica a planificación de estratexias en

todos os sectores sociais. A ausencia desta planificación, a negativa a intervir en todos eses ámbitos é tamén en si unha estratexia, pero é a estratexia propia dunha política lingüística de destrución. A iso se dedica o goberno de Núñez Feijóo, á demolición: entre a intervención contraria á extensión de usos sociais do galego, empezando pola súa expulsión do ensino, das ciencias e da cultura, e a non intervención naqueles ámbitos que precisarían de maior apoio e compromiso.

Mantermos viva, vigorosa e creativa unha lingua, como ocorre co galego a pesar de todo, nun contexto coma este é case que un acto de heroísmo colectivo.

Mais non queremos ser heroes nin heroínas. Queremos ser, somos, persoas normais. Queremos normalidade.

17MAIO2017 2

Neste contexto, son moitas e enormes as razóns que obrigan a anova a apoiar a manifestación na defensa da lingua convocada pola plataforma cidadá Queremos Galego baixo o lema: ‘En galego sen límites’. E a animar a toda a cidadanía a participar neste acto reivindicativo e de afirmación da nosa condición de usuarias e usuarios que esiximos medidas para garantir o exercicio efectivo do noso dereito a vivir as nosas vidas na nosa lingua. Porque a lingua é a cidadanía enteira.

A lingua é de todas.

DEJA UNA RESPUESTA