O sistema público de pensións é unha conquista da clase traballadora a través de décadas de loita. A través da loita é como temos que evitar que nolas rouben e por iso a CIG volveu saír este martes ás rúas de 18 cidades e vilas galegas para esixir a derrogación das reformas das pensións de 2011 e 2013, das reformas laborais e da negociación colectiva. A defensa dunhas pensións dignas é outra das moitas razóns polas que a CIG ten convocada folga xeral para o 19 de xuño, porque a folga xeral constitúe “a arma máis poderosa que temos para defender as pensións públicas” e os dereitos roubados á clase traballadora galega.

As medidas anunciadas nos Orzamentos do Estado -que aínda se descoñece se o PP poderá sacar adiante- non son máis que parches, que perpetúan o roubo ás pensións, pero que non solucionan “ningún dos graves problemas que trouxeron as reformas das pensións de 2011 e 2013”. De saír adiante o acordo dos orzamentos, adiarase a entrada en vigor do denominado factor de sustentabilidade, pero non se suprime, o que implicará que, se non somos quen de impedilo, as futuras pensións poderanse ver reducidas até nun 20% a conta das mentiras sobre o aumento da esperanza de vida, pois canto máis maiores, pensións máis pobres teremos.

Por mor das reformas de 2011 e 2013 dificúltase cada vez o acceso as pensións contributivas, diminúen as contías das pensións de que en accede ao sistema e atrásase a idade efectiva de xubilación. Neste senso, non cómpre perder de vista que máis da metade das pensións galegas son inferiores ao salario mínimo interprofesional e temos as pensións máis baixas do Estado.

A folga xeral é nosa resposta

Logo de anos de saqueo á  clase traballadora, agora o Goberno de Rajoy pretende facernos crer que as pensións públicas non son viábeis e que hai que complementalas con aforro e con pensións privadas. Non podemos caer nesta trampa.

É a administración quen debe garantir unhas pensións públicas dignas. E pode facelo, non é un problema económico o que llo impide, só é precisa vontade política. O sistema público de pensións en Galiza, ou mesmamente un sistema público galego, é posíbel, viábel e capaz por si propio.

Dende a CIG levamos anos denunciando esta situación e incluso convocamos folga xeral en 2011, mentres UGT e CCOO aprobaban a reforman aplicada polo Goberno de Zapatero.

E por iso esiximos un sistema público de pensións que garanta que as pensións de hoxe e as de mañá, sexan dignas e se poida acceder a elas en equidade e sen obstáculos. Mais iso só será posíbel coa derrogación das reformas das pensións e laborais e un cambio radical nas políticas económicas e sociais aplicadas até agora, que só xeran pobreza e explotación laboral.

De aí que a CIG aposte pola mobilización e por convoca folga xeral para o vindeiro 19 de xuño. A folga xeral constitúe a arma máis poderosa que a clase traballadora ten para defender as pensións públicas, pero tamén como mellor defensa ante a próxima reforma que están a cocer no chamado pacto de Toledo.

 

Deja un comentario