A Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana manifesta o seu firme rexeitamento ao novo proxecto enerxético da multinacional EDP Renovables e recorda que “resulta imposible obviar” os “fortes impactos sinérxicos e acumulativos” da instalación “nunha contorna xa sobresaturada de proxectos con 12 parques eólicos xa en funcionamento e 55 aeroxeradores en 10 quilómetros á redonda e nunha área de desenvolvemento que soporta actualmente 22 parques eólicos e un total de 112 aeroxeradores”, o que consideran “un paso máis no desmantelamento territorial fomentado polo PP en Galicia”.
Neste senso, valoran que o parque eólico Monte Agrelo e Muriño “supón unha ameaza para algunhas das mellores paisaxes da Costa da Morte, o patrimonio cultural de Galicia e o turismo sostible como motor de desenvolvemento a nivel local e comarcal”.
Por todos estes motivos o colectivo chama a presentar alegacións ante o proxecto, que pretende instalar entre Cabana de Bergantiños e Zas un total de 7 aeroxeradores de 200 metros de altura en punta de pa prexudicando directamente a algunhas das mellores contornas rurais do noroeste peninsular na área de afectación visual de monumentos como o Dolmen de Dombate, as Torres do Allo ou lugares de alto valor etnográfico e patrimonial como San Fins do Castro.
O certo é que a propia empresa promotora recoñece un alto nivel de impacto cunha visibilidade total calculada para o parque eólico de 37.359 hectáreas, o que a xuizo de Salvemos Cabana “imposibilita a súa integración paisaxística” debido á gran magnitud dos aeroxeradores propostos, de 122,5 metros de altura de núcleo e 155 de diámetro de rotor. Ademáis, a evacuación da enerxía do parque eólico dende a subestación eléctrica transformadora (SET) realizarse a través dunha liña aérea de 220 kV con destino “cunha notable afectación a nivel de territorio”.
Doutra banda, recordan a afección directa que o proxecto terá sobre a contorna visual de monumentos como o Dolmen de Dombate, as Torres do Allo ou lugares de alto valor etnográfico e patrimonial como San Fins do Castro pois a parroquia de Cesullas, en Cabana de Bergantiños, é unha das zonas máis prexudicadas. Neste senso consideran que “o turismo sostible, como motor de desenvolvemento a nivel local e comarca verase directamente afectado”.
ALEGACIÓNS AO PROXECTO
A documentación do proxecto pode consultarse en ir.gl/eolicomonteagrelo e a asociación está a preparar unhas alegacións públicas xerais que estarán dispoñibles para o seu envío á Administración a partir do próximo sábado 24 de setembro en ir.gl/alegamonteagrelo. O prazo de entrega finaliza o próximo 10 de outubro.