Salvemos Cabana reclama a protección do ceo nocturno en Pena Trevinca e alerta da incompatibilidade do parque eólico Prada coa súa certificación Starlight

0
63

A asociación de defensa ambiental advirte que o proxecto da norueguesa Statkraft compromete o astroturismo e non resulta viable tendo en conta o modelo de desenvolvemento económico e social plantexado a nivel comarcal por A Veiga e concellos limítrofes.

O macizo de Pena Trevinca destaca pola calidade do seu ceo nocturno, considerado como un dos mellores da península. Na imaxe, a nebulosa de Orión (M42) / Creative Commons

Neste senso recordan que o modelo turístico polo que apostou esta bisbarra non é compatible co impacto lumínico dos 24 aeroxeradores que a filial da empresa, Desarrollos Renovables Iberia Gamma S.L.U., pretende instalar na contorna do macizo de Pena Trevinca dado que a enorme altura destes -215 metros de altura en punta de pa- resultan «imposibles de integrar nunha paisaxe carente deste tipo de infraestruturas sexa cal sexa a análise da cunca visual que pretenda a compañía».

Recordan tamén que a documentación do proxecto especifica que «alomenos en 19 turbinas eólicas instalaranse sinais luminosas de balizamento na parte superior dunhas máquinas que funcionarán tamén de maneira nocturna alterando sen remedio o ceo prístino do que a día de hoxe goza o macizo de Pena Trevinca» pois tal como explica a compañía «as luces escintilerán sincronizadas para pñer en evidencia que todo o parque constitúe un mesmo obstáculo». Ademáis recoñecen que existirá un segundo nivel de luces a 45 metros sobre o terreo en cada aeroxerador, composto de tres balizas dispostas cun ángulo que asegure a súa visión «dende calquera azimut».

Salvemos Cabana explica que experiencias semellantes noutras zonas da península como a comarca de Terra Alta, en Tarragona, demostraron que «o impacto do balizamento dos parques eólicos é recorrente e prexudica tanto á biodiversidade como a saúde de veciñas e veciños e ao propio ceo nocturno«, que na zona viuse seriamente prexudicado. No caso de Trevinca, ademáis, «está a presenza do novo observatorio astronómico de A Veiga e a calificación da zona co selo turístico Starlight que se verá directamente afectada».

INCOMPATIBLIDADE COA «DECLARACIÓN DA PALMA»

En relación con isto, o colectivo ambiental alerta de que «o proxecto é claramente incompatible» coa «Declaración sobre a Defensa do Ceo Nocturno e o Dereito á Luz das Estrelas», máis coñecida como «Declaración da Palma», respaldada conxuntamente por organizacións como a UNESCO, a Organización Mundial do Turismo (OMT), a Unión Astronómica Internacional (IAU), o PNUMA-CMS e outras como cE, SCBD, CIE, o programa MaB e a Convención Ramsar, recoñecendo a necesidade de protexer a escuridade do ceo nocturno como un ben para o ser humano e a sociedade ante a perda xeralizada que a nivel mundial está a suceder «dun recurso cultural, científico e natural», algo que sinalan pode ter «consecuencias imprevisibles».

A declaración aposta por «o dereito a un ceo nocturno non contaminado que permita disfrutar da contemplación do firmamento» o que é equiparable «ao resto dos dereitos ambientais, sociais e culturais» recoñecendo que «os efectos negativos sobre a calidade atmosférica dos ceos nocturnos nos espazos naturais, causados polo incremento das emisión e a intrusión da luz artificial, afectan gravemente a moitas especies, hábitats e ecosistemas».

O acordo considera asemade que «os ámbitos privilexiados para a observación astronómica constitúen un ben escaso no planeta, e a súa conservación representa un esforzo mínimo en comparación cos beneficios que aportan ao coñecimento e ao desenvolvemento científico e tecnolóxico». Por iso «a protección da calidade dos ceos nestes espazos singulares deberá constituir unha prioridade nas políticas medioambientais e científicas de carácter rexional, nacional e internacional» e «terán que extremarse as medidas e disposicións que permitan protexer tales espazos dos efectos nocivos da contaminación lumínica, radioléctrica e atmosférica». En definitiva, para Salvemos Cabana «sobran motivos a nivel administrativo para non autorizar ambientalmente o proxecto do parque eólico Prada».

Suscríbete al boletín gratuito de Contrainformación y únete a los otros 825 suscriptores.

Suscríbete al boletín gratuito de Contrainformación y únete a los otros 825 suscriptores.