A Asociación considera que o actual proceso de desenvolvemento eólico do Goberno galego “é incompatible coa protección do medio ambiente, a preservación do patrimonio cultural e a promoción da actividade turística sostible”.
O colectivo recorda que o marco normativo vixente que a nivel autonómico permite a instalación de parques eólicos a gran escala “mostra un claro desequilibrio entre o negocio empresarial privado e a conservación da natureza, non é en absoluto garantista e acarrea graves impactos condenando a Galicia a un futuro imprevisible“, dado que “a conservación adecuada das paisaxes e a protección da biodiversidade, así como o patrimonio cultural, é fundamental para o desenvolvemento dunha actividade turística sostible coa contorna”.

Neste senso, para a entidade, a Lei 9/2021, de simplificación administrativa, “está orientada á maximización do beneficio das grandes corporacións do sector enerxético, pero deixando de lado as necesidades reais da poboación e a protección medioambiental efectiva“. Salvemos Cabana denuncia que “o terreo preparouse xa coa Lei 5/2017, de fomento da implantación de iniciativas empresariais, que xunto cun Plan Sectorial Eólico completamente desfasado e obsoleto e a citada Lei 9/2021, forman unha tríada de imprevisibles consecuencias para o futuro”.
Para Salvemos Cabana o suposto “apoio ao investimento” do actual Executivo da Xunta de Galicia “non pode nin debe supoñer un prexuizo a gran escala para a poboación galega no seu conxunto, nin o desamparo das galegas e os galegos” coa entrega de “licenzas express” ás grandes corporacións, a signiticativa redución de prazos de alegación para as comunidades afectadas ou a emisión simultánea de informes coa aplicación dun silencio administrativo positivo no que “a protección do medio ambiente pasa a ser algo testimonial e a Consellería de Economía, Empresa e Innovación ten a última palabra”. Neste contexto, a conclusión para o grupo é que “se lle dan todas as garantías e beneficios ás empresas do oligopolio enerxético pero se lle disminúen á poboación no seu conxunto”.
A AMPLIACIÓN DA REDE NATURA CONDICIONARÍA O ACTUAL MODELO DE IMPLANTACIÓN EÓLICA EN GALICIA
Salvemos Cabana considera que “o outro gran factor” que está a marcar a instalación de parques eólicos en Galicia é “a desprotección provocada pola falta de sensiblidade do Executivo da Xunta cara a ampliación da Rede Natura”, solicitada reiteradamente por Europa ante o significativo déficit que a nivel territorial mantén a comunidade autónoma, pois a contribución do territorio galego á rede ecolóxica europea segue a ser unha das máis baixas a nivel estatal e da UE, con tan só un 11,74% da superficie protexida. A realidade é que dende 2009, aínda que en Galicia non se permite a autorización de proxectos en espaxos incluídos na mesma, “non se están a respectar as áreas inmediatas que poden formar parte da súa futura ampliación”.
A PROMOCIÓN DA ACTIVIDAD TURÍSTICA SOSTIBLE É INCOMPATIBLE COA INSTALACIÓN DE PARQUES EÓLICOS A GRAN ESCALA
Para o colectivo “resulta un completo sinsentido” que, nas actuais circunstancias nas que máis dun centenar de proxectos eólicos están en distintas fases de tramitación por todo o territorio en plena celebración do Xacobeo 2021, se fale dende o Goberno autonómico de converter a Galicia nun “modelo europeo de turismo sostible” poñendo en valor os “recursos endóxenos” mentres de maneira coordenada e simultánea “se está a fomentar a desprotección territorial coa aprobación de leis que para nada fomentan valores de sostiblidade ambiental e social”.
Salvemos Cabana destaca que “se ben o factor económico é un dos tres pilares nos que debe ampararse o desenvolvemento turístico sistible, non hai que olvidar que as outras dúas variables da ecuación son a protección ambiental e o amparo do interés social“. As tres claves están interrelacionadas e “cunha paisaxe visualmente degradada e unha sociedade prexudicada, especialmente no ámbito rural galego”, o concepto de “sostibilidade” simplemente desaparece en favor do “negocio puro e duro” dos grandes conglomerados enerxéticos nun “máis para os que máis teñen”.
APOSTA POR UN NOVO MODELO NA IMPLANTACIÓN DAS RENOVABLES
Finalmente, a Asociación Salvemos Cabana urxe un cambio de modelo que permita un proceso de transición ecolóxica “que ante todo debe de ser ordeado” e alonxado do actual contexto de “greenwashing” promocionado pola Xunta de Galicia. Un modelo que a xuizo da entidade debería ser, ademáis, “social e ambientalmente xusto”, no que “a participación cidadá sexa un dos factores clave para o desenvolvemento e implantación de enerxías renovables primando o aforro, eficiencia e independencia enerxética das comunidades a través da incentivación do autoconsumo e a produción a pequena escala en todas aquelas zonas onde resulte posible”. “Enerxía eólica sí, pero un modelo renovado, participativo e democrático” -rematan dende o colectivo-.