Vimos de coñecer outra aberrante sentenza machista froito dunha xustiza que non só segue sen entender que só si é si senón que continúa culpabilizando ás vítimas e xustificando aos agresores.

A Audiencia Provincial de Barcelona condena só por abuso sexual, con penas de entre 10 e 12 anos de cárcere, a cinco dos seis membros da “Manada de Manresa”, procesados por violar por turnos a unha menor de 14 anos en 2016.

A Audiencia descartou a tese da Fiscalía de que os procesados valeranse da súa superioridade numérica e do estado de ebriedade da vítima para intimidala e agredila sexualmente, descartando o delito de agresión sexual ao non aprezar violencia ou intimidación nos feitos.

A sentenza recolle literalmente: “Quedou acreditado que a vítima, mentres se poducían os feitos, e dende o momento antes ata horas despois do acontecido, atopábase en estado de inconsciencia, sen saber que facía e que non facía e, consecuentemente, sen poder determinarse e aceptar ou opoñerse ás relacións sexuais que con ela mantiveron a maior parte dos procesados, quen puideron realizar os actos sexuais sen empregar ningún tipo de violencia ou intimidación...”.

Na sentenza tamén se indica que a un dos procesados, acusado de masturbarse mentres presenciaba a violación, a Audiencia absólveo porque “non podería facer nada efectivo para evitar os delitos, cometidos por unha pluralidade de homes e nun escampado afastado de zonas habitadas onde poder atopar auxilio, fóra para deter os ataques á vítima ou, en caso de enfrontarse só aos atacantes, evitar a posible reacción agresiva destes contra el”.

Para a Marea Feminista é inexplicable o razoamento desta sentenza segundo o cal, a actitude pasiva dun home ante unha violación exercida por cinco homes xustifica a súa inacción, mentres que a actitude “pasiva” da menor (expresou queixas, tal e como se recolle polas conversas de Whatsapp dos agresores), que estaba sendo agredida e sufrindo violencia sexual por parte de cinco homes, non se xustifica, considerando que non é intimidada, nin pola agresión nin pola posibilidade de que ante a súa resistencia se agravase, como ten acontecidos, por desgraza, a moitas mulleres.

Débese revisar con urxencia o Código Penal, e actualizalo en sintonía coa maioría dos países europeos: se non hai consentimento, hai agresión sexual.

Hai que cambiar o Código Penal, pero sobre todo hai que cambiar a mentalidade e as referencias dunha cultura machista: É vital entender que só si é si, e que todo consentimento debe ser libre, consciente e responsable.

NON É ABUSO, É VIOLACIÓN!.

#EmerxenciaFeminista

Let’s block ads! (Why?)