Javier F. Ferrero

Milagros Otero non pode permanecer nin un día máis no seu cargo tras terse demostrado a súa actuación arbitraria e totalmente contraria ás súas funcións en relación ao nomeamento da irmá do voceiro do Partido Popular na Cámara galega como xefa do servizo de Administración e Persoal.

O asunto non pode quedar pechado coa simple execución da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anula o nomeamento de María Puy Fraga. Esta sentenza é moi clara ao falar das numerosas irregularidades e da vulneración do procedemento directamente relacionado coa imparcialidade en que incorreu a Valedora; que ademais ocultou información á persoa interesada que recurriu na vía administrativa contra o nomeamento da seleccionada que agora obriga a destituir o TSXG. Ten que levarse a cabo un castigo exemplarizante para que estás actuacións rematen dunha vez por todas.

Milagros Otero pon en entredito a limpeza dunha institución consagrada á defensa dos intereses das persoas e que, ademais, vela pola transparencia das administracións. Por este motivo o voceiro de En Marea, Luís Villares, explica que o Partido Popular “non pode ser cómplice desta situación votando para apoiar a continuidade de Milagros Otero“.

Villares indica que “as conexións da valedora co PP son evidentes e a manipulación da propia valedora para colocar a quen era amiga e a irmá da persoa que dirixe o grupo parlamentario que a respaldou tamén son evidentes“. Por este motivo, En Marea considera que o feito de que o PP “vote a favor da continuidade da Valedora no seu cargo só pode significar que o PP avala esa política de corrupción, porque desde que se publicou a sentenza na que se explican os feitos, o PP non pode alegar sequera ignoracia“.

Milagros Otero pon en entredito a limpeza dunha institución consagrada á defensa dos intereses das persoas.

Luís Villares apuntou tamén a que as explicacións dadas pola Valedora do Pobo en sede parlamentaria “non só foron insuficientes senón que ademais supuxeron un engano flagrante, posto que cando di que en xaneiro se apartou do proceso de selección queda en entredito cando con data de marzo a propia Milagros Otero envía un documento no que dá instruccións sobre cales son os méritos a ter en conta para a selección da praza“. Queda claro, na mesma documentación presentada pola valedora que non só non se apartou “do proceso de selección no que quería colocar á filla do seu mentor senón que participou de xeito activo establecendo un baremo de méritos para a cobertura da praza“.

Para o Voceiro de En Marea, “a situación na que quedou a valedora trala sentenza do TSXG e despois da mentira á comisión parlamentaria só pode ser a de abandonar o seu cargo, pero se ela non quixo deixalo é labor do Parlamento de Galicia poñer as cousas no seu lugar e cesala para que esta corrupción non afecte á institución“.

O uso das institucións en beneficio propio, para pagar favores, para favorecer aos amigos; o uso clientelar das institucións non poden ter cabida en democracia.

Deja un comentario