CCOO celebra o «seguimento masivo» da primeira xornada de folga no sector de elaborados do mar, que de media rolda o 90% e, no caso das principais empresas, o paro é «absoluto». A folga tivo especial incidencia en Galicia, xa que é onde se concentra o groso do sector. As cifras de seguimento tamén foron mellores que no promedio estatal, onde se situou no 75%.

Piquete informativo de CCOO, xa a primeiras horas da mañá
Piquete informativo de CCOO, xa a primeiras horas da mañá

Segundo a Federación de Industria de CCOO, a resposta dos traballadores e das traballadoras do sector demostra «o cansanzo» coa actitude patronal e a necesidade de loitar por un convenio «digno». Comisións agarda manter a «tensión mobilizadora» nas próximas xornadas de folga, os días 24 e 25.
CCOO reclama que a patronal de elaborados do mar inclúa no convenio colectivo os froitos do Acordo de Emprego de Negociación Colectiva (AENC), asinado a comezos do verán. Principalmente, elevar os salarios a un mínimo de 14.000 euros brutos anuais.

Outras reivindicacións sindicais son o recoñecemento da pausa do bocadillo como tempo efectivamente traballo —circunstancia que numerosos convenios recoñecen xa— ou a necesidade de lle pór couto á contratación en precario mediante ETT.

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario