Entidades e particulares de toda a bisbarra loitan sen descanso contra o aluvión descontrolado de proxectos fomentado pola irracional política do Goberno da Xunta en materia enerxética.
O último caso é o do parque eólico Soesto, que segundo informa a Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana ameaza a unha das franxas costeiras “de maior valor ambiental” de Galicia e a contorna visual da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba.
O colectivo advirte que pese a que este proxecto de EDP Renovables entre as localidades de Laxe e Vimianzo conta só con dous aeroxeradores “servirá de punta de lanza para arruinar a mellor franxa litoral da Costa da Morte” debido a que este plan enerxético ten infraestruturas asociadas a outros dous proxectos da compañía na mesma área: o parque eólico Monte Chan, que pretende instalar nove aeroxeradores de 200 metros de altura en punta de pa e o parque eólico Pena dos Mouros, que con sete turbinas eólicas de idénticas dimensións pechará unha “tríada” que “destruirá de maneira irreversible o que ata o de agora era considerado unha das paraxes máis espectaculares do noroeste peninsular convertendo a zona en solo industrial”.
A Asociación Ambiental Contramínate advirte pola súa parte que este proxecto sitúase a menos de 500 metros da liña litoral, e a instalación de aeroxeradores e a construción dunha rede de pistas permanente “suporán cambios drásticos na rede de drenaxe natural”, provocando cambios irreversibles no val e a lagoa de Traba, xerando deste xeito un impacto grave na Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) e Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) Costa da Morte.
UNHA TRAMITACIÓN FRAGMENTADA
Para Salvemos Cabana este procedemento fragmentado de tramitación de proxectos eólicos deriva nunha deficiente avaliación dos efectos ambientais xerados polo total das instalacións, comportamento que ven sendo denunciado nos últimos anos ata o punto de que a Xustiza anulou o procedemento administrativo dalgúns parques a nivel estatal, recoñecendo esta práctica como un feito ilegal.
Neste senso, a entidade apunta a que “os parques eólicos e as súas liñas de evacuación teñen que ser contemplados como un todo integrado nun mesmo proxecto“, algo que “neste caso non sucede” porque a liña de evacuación derivará a enerxía producida polo parque eólico Soesto cara a subestación eléctrica transformadora (SET) “Monte Chan”, que tamén recollerá a enerxía procedente dos parques eólicos Pena dos Mouros e Monte Chan. A continuación, unha liña de alta tensión (LAT “Costa da Morte”) evacuará a enerxía producida por estes tres parques eólicos e outros tres que pretende desenvolver a compañía como son o parque eólico Monte Agrelo e Muriño, o parque eólico Alto Torreiro e o parque eólico Bustelo e Baralláns, nunha situación que na práctica, a xuizo de Salvemos Cabana “impide a avaliación conxunta dos efectos sinérxicos e acumulativos deste complexo eólico”.
ALTO NIVEL DE AFECTACIÓN EN AVES E MORCEGOS
No caso do parque eólico Soesto, para Salvemos Cabana “o nivel de afectación sobre a contorna será moi elevado“, tanto a nivel paisaxístico como sobre a biodiversidade existente nunha zona limítrofe coa Rede Natura 2000 e a Zona Especial de Conservación (ZEC) Costa da Morte (código ES1110005), que conta coa presenza na área inmediata de 105 especies de aves, 8 delas catalogadas en estatus de “Vulnerable” ou “en perigo de extinción” como a subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus subsp. Lusitanica Steinbacher) amparada -en teoría- polo Decreto autonómico 75/2013, de 10 de maio, polo que se aproba o plan de recuperación da especie.
A empresa recoñece, además, que o impacto será tamén moi significativo entre os quirópteros tendo en conta todos os proxectos que pretende desenvolver (Soesto, Monte Chan, Pena dos Mouros, Monte Agrelo y Muriño, Bustelo e Baralláns, Alto Torreiro) pois a zona conta coa presenza dun total de 9 especies e 8 xéneros entre os que se atopan o morcego das covas (Miniopterus schreibersii), o morcego rateiro grande (Myotis myotis), o morcego mediterráneo de ferradura (Rhinolophus euryale) e o morcego grande de ferradura (Rhinolophus ferrumequinum), catalogados como “Vulnerable” a nivel estatal e autonómico e o morcego pequeno de ferradura (Rhinolophus hipposideros) catalogado como “Vulnerable” a nivel autonómico.
DANO IRREPARABLE SOBRE A CONTORNA DA PAISAXE PROTEXIDA DOS PENEDOS DE PASARELA E TRABA
Aparte do impacto sobre a biodiversidade e os múltiples riscos que carrexa a instalación dun complexo eólico destas características, subdividido en sucesivos proxectos enlazados entre si por unha mesma infraestrutura de evacuación, a peor parte para Salvemos Cabana lévaa a propia contorna dos Penedos de Pasarela e Traba, un enclave declarado como paisaxe protexida polo Decreto autonómico 294/2008, de 11 de decembro, que quedará “completamente rodeado” de aeroxeradores de 200 metros de altura.
Para o colectivo este feito é claramente incompatible co Convenio Europeo da Paisaxe, que insta aos Estados a “conservar e manter os aspectos significativos ou característicos dos mesmos” e coa Lei 42/2007, do patrimonio natural e da biodiversidade, que recoñece que as paisaxes protexidas teñen como obxecto “a conservación dos valores singulares que os caracterizan” e “a preservación da interacción armoniosa entre a natureza e a cultura” das comarcas.
Ademáis, a situación que podería provocar este aluvión de parques eólicos entra en clara contradicción cos obxectivos da Lei 7/2008, de protección da paisaxe de Galicia, que entende que “a paisaxe ten unha dimensión glogal de interés xeral” para a cidadanía dado que “trascende os campos ambientais, culturais, sociais e económicos”.
Para Contramínate, tendo en conta todos os factores, o parque eólico Soesto e todo o que conleva supón un “atentado” á paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, rompendo o encanto paisaxístico dunha zona de altísimo valor ecolóxico
PRESENTACIÓN DE ALEGACIÓNS ATA O 31 DE OUTUBRO
A documentación do proxecto do parque eólico Soesto pode consultarse en ir.gl/eolicosoesto e a Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana está a preparar unhas alegacións xerais que estarán dispoñibles para o seu envío á Administración a partir do próximo luns 24 de outubro en ir.gl/alegasoesto. Pola súa banda, a Asociación Ambiental Contramínate xa ten a disposición do público as suas propias alegacións, que poden descargarse nesta ligazón. O prazo de entrega á Administración remata o próximo 31 de outubro.