Entrando de cheo no universo pondaliano e citando unhas estrofas do himno nacional galego:
Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso rouco son,
máis sóo os iñorates
e feridos e duros ,
imbéciles e escuros
non os entenden, non.
Para alguén cun mínimo de sensatez, Conde López nunca entraría no perfil dos “bos e xenerosos” porque nunca foi “bo” e menos “xeneroso” para Galiza, e por suposto nunca recibiría unha invitación dunha entidade que di representar o espírito do “Bardo” de Ponteceso.
Un político que é un modelo de destrución para o País e experto só en privatizar os beneficios. Vaia por diante un dato, da produción eólica en Galiza só o 5% fica na nosa terra e o resto expórtase.
Nunca mirou este conselleiro escuro cara as necesidades do rural galego. Só apoia un mar de beneficios e impostos que marchan lonxe da nosa terra.
Un político ao servizo de empresas enerxéticas e mineiras, nunca dos intereses das galegas e galegos. Destrución territorial, paisaxes devastadas, regos, manantiais, rios e fontes contaminadas e en perigo. Ese é o seu “gran” legado, señor conselleiro.
Un territorio onte verde con 176 parques eólicos instalados, máis de 4.000 aeroxeradores nos nosos montes, co maior número de turbinas eólicas por habitante do Estado. 121 dos 313 concellos galegos con parques eólicos e unha Rede Natura moi por debaixo da media do Estado cun 12% fronte ao 27% mentres Europa esixe cambios urxentes. Esa é a realidade, non a que vostede defende.
Varios centos de entidades do país contra a desfeita que ameaza o futuro de Galiza. Informes de alerta como o do Consello da Cultura Galega e os tribunais ruxindo contra a inxustiza das autorizacións ilegais de proxectos sen sentido.
Vostede non é nin “bo” nin “xeneroso” con esta terra, señor Conde. Faga o favor e dimita.
Por dignidade.
–
Plataforma pola defensa do monte As Salgueiras (Rede Galega por un Rural Vivo)