Antón Sánchez / Opinión

Escríbolle esta carta co motivo de que a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental está a tramitar varios megaproxectos de parques eólicos entre os que se atopan os de Prada, Rebordechao e Barxa que están en período de consulta pública, e que abarcan os concellos de Nogueira de Ramuin, Xunqueira de Espadanedo, Montederramo, Maceda, Vilar do Barrio, Laza, Castrelo de Val,Verín, Monterrei, Cualedro, A Pobra de Trives, A Veiga, Carballeda de Valdeorras, Larouco, O Barco de Valdeorras,Vilamartín de Valdeorras, Petín, San Xoan do Río e Quiroga e moitos outros en toda Galiza que, xunto aos que tramita a Xunta de Galicia, suman perto de oitenta.

 

«Dende o punto de vista do interese xeral e da racionalidade deberíamos de atender a unha planificación pública» na instalación de parques eólicos, di Antón Sánchez / Creative Commons

A instalación destes parques, promovidos por unha empresa norueguesa, cunha potencia de máis de 100 MW cada un, cuns aeroxeneradores nalgúns casos de 200 mts de altura, suporían grandes e irreversibles impactos en lugares de alto valor paisaxístico e ambiental afectando a fermosas zonas de montaña coma O Courel, Ancares ou o Macizo Central moi castigadas dende hai décadas polo abandono das administracións cando se trata de políticas que axuden ao desenvolvemento endóxeno pero cómplices cando se tratou de espoliar os seus recursos.

A xente destas comarcas precisa. fontes de enerxía que revertan no seu benestar e non meparques propiedades de grandes fondos de investimento que leven os beneficios, deixando unicamente os impactos e as migallas. Vostede, que ademáis de ministra de Transición Enerxética éo do Reto Demográfico, debe saber que en moitas zonas de Galiza, onde cos encoros se fixo algo semellante ao que pretenden cos eólicos, iso só produciu impactos ambientais e abandono do rural, xa que os beneficios destas actividades voan e non favorecen a economía ao seu redor.

En Galiza, onde anualmente exportamos entre o 30 e o 40% da electricidade producida (en 2019 o 85% da electricidade consumida foi producida por enerxías renovables) fundamentalmente eólica e hidroeléctrica.

Isto quere dicir que si Galiza fose un Estado independente na Unión Europea cumpriría con moita marxe os obxectivos de produción de renovables que marca para o ano 2030 con 11 anos de antelación, xa que exactamente duplica o “superobxetivo” que Pedro Sánchez marcou para España para o 2030!, como vostede ben sabe. É por isto que Galiza non ten por que acometer unha carreira irracional de instalacións de parques eólicos que desatenda a imprescindible planificación e protección do territorio e das persoas que nel habitan.

Dende o punto de vista do interese xeral e da racionalidade deberíamos de atender a unha planificación pública, froito dun debate social e unha ampla participación e transparencia, que parta de definir a potencia a instalar ollando para as necesidades da xente e á sustentabilidade do sistema.

Que defina tamén o cómo; si con megaparques lonxe dos lugares de consumo e con altos impactos ambientais e paisaxísticos, en mans de poderosas corporacións alleas á economía local, ou cunha produción distribuída, perto dos lugares de consumo, e con presencia de titularidade pública (pública galega, que pública norueguesa ou italiana xa temos) e/ou cidadán-cooperativa.

Unha planificación que se inserte nunha ordenación territorial que teña en conta os valores naturais, paisaxísticos, os núcleos de poboación, a interferencia con outras producións e a economía local.

Nada disto se está a facer en Galiza.

No seu Ministerio elaboraron un mapa de sensibilidade ambiental como ferramenta orientativa para a ubicación das instalacións de enerxía eólica que teñen en conta estes factores.

Si ese mapa fose vinculante, que non o é, estes mesmos parques que vostede tramita non se levarían a cabo porque están maioritariamente en zonas de máxima sensibilidade.

En Galiza, cos datos na man, non necesitamos unha carreira descontrolada de instalación de eólicos custe o que custe, e menos para que unha elite económica faga gorentoso negocio especulativo. Necesitamos planificación pública e participación cidadá.Temos que contar cunha ordenación eólica que, pensando nas necesidades da maioría, diga ónde sí e onde non nos compensa e necesitamos implantar os parques, e queremos que esta actividade reverta no benestar da xente do rural dándolle entrada a participación a través do control público ou de cooperativas veciñais ou pequenas empresas locais que produzan para a súa contorna.

Pero en Galiza temos un Plan Sectorial Eólico do ano 1997, modificado por última vez en 2002, totalmente desfasado e que permite construír parques eólicos en todo o territorio agás na Rede Natura, onde Galiza conta cunha das menores porcentaxes de superficie protexida do Estado e de Europa.

Un Plan Eólico de Galiza que non foi obxecto dunha avaliación ambiental estratéxica por ser anterior ao desenvolvemento da lexislación ambiental dos últimos anos, polo que carecemos dun instrumento que analice os impactos do modelo de asentamento eólico proposto a escala nacional e polo tanto cun enfoque integral. Non se revisa porque evidentemente calquera proceso de avaliación ambiental dun novo plan conduciría a unhas maiores restricións, produto da racionalización e de ter en conta máis criterios que o da rendabilidade económica privada.

Acábanse de publicar as Diretrices da Paisaxe de Galiza: un cúmulo de xeneralidades que non prohibe a instalación nin nun m² de territorio e que posterga calquera concreción a unha futura revisión do Plan Eólico de Galiza para o cal non hai prazo. Polo tanto, papel mollado.

Galiza conta cun 11,5% de superficie en Rede Natura, considerada pola UE insuficiente, e foi por íso polo que xa hai máis de 10 anos recomendou a súa ampliación. Nunca se fixo esa proposta de ampliación. Así, temos unha chea de parques que se tramitan nos bordes da Rede Natura que non se farían si a Xunta de Galicia cumprira as recomendacións europeas, e non o fai por beneficiar ao conglomerado que se lucra do negocio do vento.

Isto mesmo foi advertido por unha recente e demoledora sentencia do TSXG que anulou o parque eólico do Oribio e na que advertía da fraudulenta práctica de ubicar aeroxeneradores á beira dunha Rede Natura que non pode ser un compartimento estanco, e ten pendente unha ampliación.

Esta fraude e incumprimento das recomendacións da UE tamén beneficia os parques que vostedes están a tramitar e que non se contemplarían de haber simplemente unha proposta de ampliación.

Como tamén se benefician por empresas nas que traballan, e cobran, por exemplo un ex-conselleiro de Industria do PP e unha ex-conselleira de Medio Ambiente responsable de que durante os seus anos como conselleira, ata hai escasamente dous anos, non se ampliara a Rede Natura.

As portas xiratorias que aquí practica con fruición o PP pero que no Estado é práctica habitual en PP e PSOE o que mostra quen traballa para quen no xogo gobernos/eléctricas.

E con este panorama, é dicir, sen ningún tipo de planificación pública que sirva de protección para eses valores que deberían de protexerse si simplemente se cumprisen coas directivas europeas, estanse a tramitar máis de 80 parques, que suporán si se levan adiante, danos irreversibles na paisaxe , medio ambiente, e lonxe de ser unha solución económica para o noso desenvolvemento serán instrumentos de baleiramento demográfico do país, voando os beneficios lonxe dos habitantes do rural.

A mal chamada Transición Enerxética que din defender está nas mans de bancos, fondos voitre, construtoras ou eléctricas, que só responden á lóxica da maximización do seu beneficio, e non á lóxica das necesidades humanas de preservación de valores imprescindibles para o noso futuro e do desenvolvemento económico endóxeno.

A loita pola sustentabilidade e contra o cambio climático non se fai simplemente substituíndo centrais térmicas por muíños que se fabrican con materiais que non son ilimitados e que dependen aínda do petróleo para a fabricación e o transporte.

Isto que vostedes definen como transición enerxética é o enésimo negocio do capitalismo de amiguetes, no que os que antes tiñan térmicas que externalizaban os custes producidos pola contaminación, ou os que antes se lucraron coa burbulla inmobiliaria agora poñen as súas esperanzas de beneficios no sector das renovables, axudadas por administracións que deberan velar polo interese xeral e que parecen empeñadas en darlle outra vez o temón e o lucro.

Aínda que contemos cun goberno autonómico empeñado en que Galiza siga a xogar un rol colonial de produtor de electricidade a cambio de quedarmos cos impactos e non cos beneficios, moita xente reivindicamos que é preciso rematar xa con este modelo do espolio que se reproduce neste país sexa con térmicas, hidroeléctricas ou eólicos.

Non queremos repetir a historia. Queremos respecto. Respecto á xente, á nosa paisaxe, á nosa natureza. Queremos decidir o destino dos nosos recursos naturais da terra dende o respecto a eles.

Sabemos que calquera actividade económica pode ter un impacto no entorno, pero queremos que sexa o mínimo impacto para o máximo benestar da xente do común, e o que vemos en marcha é unha vez máis a destrución do noso entorno a cambio de que se beneficien uns poucos.

Sabemos que con outra xeito de facer as cousas, un xeito máis democrático, loitaremos contra o cambio climático, desenvolveremos as enerxías renovables precisas, e ademais os beneficios que se obteñan reverterán localmente.

Nunha sociedade onde a desigualdade, cada vez maior, é unha das principais ameazas para a democracia, o cambio de modelo enerxético debería de ser unha oportunidade para a democratización económica, en vez dunha peza máis da acumulación do gran capital.

Si non quere ser parte deste modelo aberrante que supón unha hipoteca para o noso futuro, ten que denegar a aprobación destes parques eólicos deter esta pillaxe eólica, e no que estea nas súas mans apostar pola democratización da economía e da enerxía.

Si desgrazadamente e como semella, vostede e o goberno español fan o contrario, apoiando este tipo de actuacións, en pouco se diferenciarán dun goberno do PP que levamos sufrindo no noso país nos últimos 12 anos, un goberno para as elites. E só nos quedará, ante o abandono dos gobernos e institucións unha mobilización social para non chegar tarde, e impedir este proceso antidemocrático de espolio.

Antón Sánchez é portavoz nacional de Anova e foi deputado no Parlamento galego nas IX e X lexislaturas.

Fonte

DEJA UNA RESPUESTA