<

p align=”right”>Encontro

Illas Cies
Solpor nas Illas Cíes

  • As organizacións ecoloxistas e a asociación de guías do Parque Nacional das Illas Atlánticas piden unha prórroga no período de exposición pública do seu plan de xestión
  • Amigos da Terra, Anduxía, Agaia, Sociedade Galega de Historia Natural e Verdegaia consideran que o prazo para a presentación de alegacións resulta manifestamente insuficiente e reclaman un proceso real de participación pública.

A normativa dos períodos de exposición pública dos documentos suxeitos a presentación de alegacións, establece uns prazos mínimos pero deixa a criterio das administracións os máximos e as posibles prórrogas.

A Xunta de Galicia e o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia dispuxeron dun marxe amplo que excedeu todos os máximos legais establecidos, máis dunha década, para elaborar este documento do seu obrigatorio PRUX (Plan Reitor de Uso e Xestión). A día de hoxe, e carecendo aínda dese plan obrigatorio, mesmo poderíase cuestionar a legalidade da declaración desa figura de protección.

O período de exposición pública de dito documento foi fixado pola administración en 45 días naturais, non días hábiles. Na práctica supón que os axentes sociais e as entidades ecoloxistas e demais colectivos e persoas interesadas dispoñen para analizar o documento do PRUX dunha semana por cada dous anos equivalentes dos que dispuxo a administración para elaborar este borrador.

Considera a Consellería de Medio Ambiente, que precisou doce anos para elaborar o documento do PRUX (estirando máis alá de todo límite legal a súa presentación, que debería estar agora na súa segunda avaliación), que ditos 45 días naturais é tempo máis que suficiente para analizar o documento e sobre todo a súa extensa documentación anexa.

As organizacións asinantes consideramos que se trata dunha acusada desproporción tanto no temporal como nos recursos empregados, non comparables entre a administración galega e as entidades sociais.

Do mesmo xeito a Consellería non ten prazo algún marcado como límite para estudar as alegacións que podan ser presentadas que estiman nuns catro meses (nese caso a administración dispón dun mes, como mínimo, por cada semana que se outorga á cidadanía).

Por todo o exposto as entidades ecoloxistas e a asociación de guías acreditados do parque nacional solicitamos a prórroga de trinta días hábiles sobre a data marcada para a finalización do período de información pública e o acceso sen limitacións e de xeito inmediato a toda a documentación de referencia que poidamos precisar, tanto da documentación que se cita no anexo bibliográfico do borrador do PRUX como daquela que non se cita e que en moitos casos mesmo descoñecemos.

Solicitamos igualmente e mostramos novamente a nosa disposición a participar nas distintas mesas sectoriais que se desenvolvan no futuro co resto de axentes sociais (sector pesqueiro, navieiras, empresas turísticas etc) ás que ata agora non fomos convidados nin convocados a pesares de ter manifestado expresamente o noso interese e disposición a participar nas mesmas para presentar directamente as nosas propostas co resto de axentes sociais e desenvolver un proceso de auténtica participación e consenso.

Si de verdade é vontade da administración contar coa participación dos axentes sociais, incentivar, e sobre todo facilitar a mesma, consideramos que a nosa solicitude será tida en conta co obxectivo final, obxectivo que debe ser común, de conseguir un documento final realmente participado e participativo e consensuado para garantir a prioridade fundamental dos parques nacionais, e nomeadamente do PNMTIAG, a conservación dos seus recursos naturais.

Asinado: Asociación de guías acreditados das illas atlánticas AGAIA, Amigos da Terra, Anduxía, Sociedade Galega de Historia Natural SGHN, Verdegaia.

 

La entrada Solicitamos unha prórroga para as alegacións ao PRUX do Parque Nacional aparece primero en Encontro.

Deja un comentario