En Marea segue a sumar forzas para levar ao espazo do cambio aos concellos e ás deputacións o vindeiro ano electoral. Onte á tarde, Somos Ribadumia asinou, no Centro Social de Barrantes, o acordo de colaboración con En Marea que dará cobertura e apoio ao espazo do Salnés para as municipais de 2019, respectando sempre a súa independencia.

“Este acordo favorece o traballo conxunto co obxectivo de poñer fin ás políticas de recortes do PP nos concellos e mudalas por políticas para as maiorías sociais. Hoxe sumamos unha nova pinga e, pinga a pinga lograremos botar ao PP das institucións”, dixo Elena Cores, concelleira de Somos Vilanova e integrante da Coordinadora de EM nun acto no que mareantes de todo o país e da comarca felicitaron a Somos Ribadumia por dar este importante paso, e que no seu día xa deron Marea Veciñal de Culleredo, Marea Pontevedra, Somos En Marea Sanxenxo, Somos Cambados, Marea Ponte Caldelas, Lugonovo, Asamblea Cidadá de Bueu, Somos Cabanas, Xente de Rois, Son de Trives e Son de Manzaneda.

“Somos o referente da esquerda neste concello, e este acordo faranos aínda máis visibles, e reforzará a nosa posición no 2019, xa non só no concello senón tamén nas Deputacións e no Parlamento”, incidiu Enrique Oubiña, concelleiro de Somos Ribadumia. Pola súa banda, e tralos parabéns dos representantes das mareas de todo o país, a voceira do espazo do cambio, Ana Seijas, destacou a importancia de que “hoxe, Somos Ribadumia se sume ao mar, a un mar de persoas, a un mar de ilusións para facer das nosas vilas, dos nosos pobos e das nosas cidades lugares máis habitables con políticas feitas con e para a xente,porque Hai Marea! e Hai Mareas!”, dixo antes de oficializar a sinatura do acordo.

Luís Villares, voceiro de En Marea pechou o acto apelando ao proxecto republicano de En Marea, baseado nos principios de igualdade, fraternidade e liberdade. “Un proxecto transformador que nos fai distintos ao resto das formacións. Porque o que importa é o que temos en común e xuntarnos para rematar coas inxustizas que sofren a maioría das persoas deste país”, concluiu.

Deja un comentario