O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 da Coruña obriga, nun fallo, ao Concello da Coruña a readmitir a un traballador e a transformar en interino o contrato temporal que tiña, segundo informan os servizos xurídicos de Comisións Obreiras (CCOO) que levou o caso. Contra o fallo, cabe recurso.

Nun comunicado, o sindicato explica que o contrato do denunciante era de persoal temporal funcionario por acumulación de tarefas, «pero a sentenza dálle a razón e considera que lle corresponde ser interino por causas estruturais».

Na súa demanda, CCOO argumentaba que o contrato do traballador cesado, vinculado cos cemiterios municipais, era, formalmente, de interinidade por «acumulación de tarefas». Tamén que o era por causas estruturais «xa que cubría unha praza vacante que estaba prevista na relación de postos de traballo polo que non respondía a unha circunstancia excepcional».

A sentenza, segundo informa o sindicato, considera que procede «a continuidade do vínculo do traballador coa Administración local, que deberá readmitir ao denunciante mediante a fórmula que legalmente correspondería, que é a de traballador interino por razóns estruturais».

DEJA UNA RESPUESTA