Redacción Galiza | Amigos da Terra

O 26 de xuño de 2017, Amigos da Terra, Asociación Frouma, Federación Ecoloxista Galega (FEG), Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) e Sindicato Labrego Galego (SLG) abandonamos o Consello Forestal Galego como protesta para denunciar as prácticas de entorpecemento á participación dos colectivos neste órgano no que se debaten as políticas forestais da Xunta. Facíamolo porque nos facilitaron o borrador do Plan de Defensa contra os Incendios de Galicia (Pladiga 2017) dous días antes do consello (trátase dun documento complexo de 300 páxinas), como un texto xa consumado que non se deixou nin debater e a excasos días de comezar a campaña.

Neste 2018, volveu celebrarse unha xuntanza do Consello Forestal o pasado 18 de abril para tratar o Pladiga 2018. Neste caso houbo un xesto de boa vontade por parte da Dirección Xeral de Ordenación Forestal, que expresou a súa vontade de constituír unha Mesa Galega dos Lumes, tal e como esiximos o ano pasado, para facermos un Pladiga de consenso.

Porén, o documento aprobouse por parte do Consello da Xunta ao día seguinte. De novo, o Pladiga se nos deu como algo consumado e sen a participación dos axentes sociais do sector, co agravante de que se volveu calcar o plan do ano pasado -só orientado á extinción e con serias eivas- con moi poucos cambios nada significativos a pesares da tráxica vaga de incendios de outubro de 2017, que deixou catro persoas mortas e 49 hectáreas arrasadas (62.000 no cómputo global da campaña). Nese senso, ademais de sentirnos enganados, seguimos sendo moi críticos cun Pladiga cuxa efectividade vese que é máis que cuestionable.

Polo tanto, instamos á Consellaría de Medio Rural e, nomeadamente, ao director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández Couto, a convocar de inmediato a Mesa Galega dos Lumes de cara a ir sentando as bases dun diálogo e traballo entre a administración e os axentes sociais para comezar a deseñar e construír, dunha vez por todas, unha política efectiva de prevención de lumes para Galiza..

Deja un comentario