Unións Agrarias realizou esta semana unha rolda de prensa na capital santiaguesa onde o Secretario Xeral Roberto García, o presidente de ASEFOGA e o presidente de Ventonoso fixaron a posición da organización agraria sobre a avalancha de proxectos eólicos en tramitación que, polo seu volume, están xerando alarma social no rural galego. Especialmente aqueles que se pretenden instalar en zonas de vocación agrogandeira, toda vez que as principais ubicacións nos montes xa están desenvolvidas ou non son posibles por estar en Rede Natura.

A proliferación de parques eólicos está a crear unha gran alarma no rural galego / Creative Commons

Roberto García salientou a inevitabilidade do desenvolvemento das enerxías renovables: unha aposta da Unión Europea, que pretende uns obxectivos de descarbonización da xeración de enerxía do 30% para o ano 2030, e do 100% para 2050. Polo que é importante centrarse en conseguir que os novos parques non se ubiquen nas zonas agrarias. E eliminar os impactos críticos naqueles que finalmente se aproben, especialmente nas zonas agrogandeiras e habitadas.

Unións Agrarias, ASEFOGA e Ventonoso chaman a atención sobre a necesidade de que os parques que finalmente se desenvolvan teñan compensacións para os afectados; non só para os propietarios aos que lles ubican as instalación, senón tamén para todos aqueles aos que se lles recalifica urbanisticamente o perímetro e non se lles compensa. Situación especialmente sangrante nos parques que se pretenden instalar sobre zonas agrarias produtivas nas que existen granxas en activo; que poden verse seriamente afectadas polas recalificacións urbanísticas asociadas aos parques. E ás que a lexislación actual deixa desprotexidas nos seus dereitos.

Os obxectivos de Unións Agrarias pasan porque as autorización finais dos parques se exclúan das zonas agrarias e en todo caso se sometan á presentación polas empresas dun suficiente número de acordos asinados cos propietarios afectados tras negociar prezos e condicións. Así como por conseguir que se fagan as reformas legais oportunas para que as adxudicacións de potencia teñan en conta compensacións para as zonas onde se ubiquen os parques e non se repita así a situación dos anos 60 e 70 en Galicia; cando a expansión dos embalses non deixou máis compensacións que expropiacións por prezos irrisorios.

De xeito comparativo, na última década tan só se instalaron 500 MW de potencia eólica en Galicia, sumando a nosa Comunidade un total de potencia instalada a día de hoxe de 3.800 MW. O que contrasta cos datos actuais de potencia en tramitación para instalarse nos próximos anos, que sumarían 6800 MW; solicitados por vía estatal en 37 proxectos case 3300 MW dos cales 2900 están en fase de inicio e 256 en exposición pública; e na vía autonómica 3650 MW totais, 64 proxectos en fase inicial 1850 MW e outros 26 proxectos que suman 800 MW en fase de exposición pública. A eses habería que sumar tamén na vía autonómica unha bolsa remanente de 1000 MW de tramitacións de poxas anteriores.

Por todo elo é previsible que moitos deses parques queden no papel, pero outros moitos sen dúbida van ser executados. Así as cousas, Ventonoso ponse a disposición dos propietarios e afectados que nestas fases iniciais ou de exposición pública queiran alegar para defender os seus dereitos. E advirte que ao igual que nos últimos 16 anos, acompañará asesorando nas negociacións, dando transparencia e información a todos aqueles propietarios que así llo requiran nas fases máis avanzadas onde as empresas ofrezan contratos.

DEJA UNA RESPUESTA