Aínda que os datos de desemprego referidos ao mes de xuño en Galicia reflicten unha baixada do número de persoas no paro, UGT-Galicia advirte que este é un dato estacional que para nada reflicte unha mellora estrutural do mercado laboral desta Comunidade que segue inmerso na precariedade que se plasma con datos tan significativos como que no mes de xuño fixéronse 103.670 contratos, o que contrasta con tan só 8.408 persoas afiliadas máis, consolidadas, na Seguridade Social e, por outro lado, co feito de que a contratación indefinida tan só represente o 8% sobre o total.

Ademais, outra das constantes do mercado laboral galego que lle preocupa ao Sindicato é a continua precarización do sistema de protección ao desemprego que perde 22,9 puntos de cobertura en relación ao ano 2010. Isto é froito do progresivo desmantelamento do sistema de protección por desemprego, consecuencia das fortes políticas de axuste impostas polo Goberno do PP. Este é un feito que, evidentemente, incrementa o risco de pobreza e exclusión social entre os fogares.

Son moitas as circunstancias enquistadas no mercado de traballo galego que urxe corrixir.

Entrando de chego a analizar os datos, estes evidencian unha caída do desemprego no mes de xuño do 3,75%, 6.631 persoas menos que no mes de maio. Así, hai que en Galicia un total de 170.065 persoas en situación de desemprego.

En relación a hai un ano, o paro baixa nesta Comunidade nun 10,3%, 19.600 persoas menos no desemprego.

Fenda por sexos en termos de desemprego

Por sexos, segue a constatarse unha significativa brecha en termos de desemprego. As mulleres representan o 57,8% do total do desemprego. O paro baixa entre as mulleres nun 3,3%, fronte ao 4,36% no caso dos homes. En termos interanuais sucede o mesmo, o desemprego baixa nun 13,4% no caso masculino e nun máis discreto 7,9% no caso das mulleres.

Entre os menores de 25 anos o desemprego baixa no 8,63% e en relación a hai un ano a baixada é dun 13,3%.

Por sectores de actividade, tamén se rexistra unha baixada do desemprego. Onde máis se contrae en termos relativos é na construción, un 4,39%; un 3,94% no sector servizos; un 3,71% no primario; un 2,9% na industria; e entre o colectivo de sen emprego anterior nun 2,79%.

En termos anuais o descenso tamén é acusado no conxunto de actividades. Así, baixa nun 20,6% na construción; na industria nun 12,7%; e no primario, nun 12,8%. Non obstante, en termos absolutos, a maior caída dáse no sector servizos, 10.678 persoas menos no desemprego, pola terciarización da economía.

Como xa se apuntaba en parágrafos precedentes, a precariedade da cobertura por desemprego urxe unha solución. O número de beneficiarios de prestacións é de 83.580, o que amosa unha caída de 8.244 menos que hai un ano. A taxa de cobertura queda no 51,9%, 22,9 puntos menos que no ano 2010. A día de hoxe quedan fóra do sistema de protección por desemprego 93.116 persoas (tendo en conta tanto ás persoas que teñen dereito á prestación como as que non). Cando a taxa de cobertura no resto do Estado é do 56%.

Ademais, tan só 35.093 persoas perciben unha prestación de carácter contributivo, o 42% do total, o que apunta a unha forte precariedade no desemprego. A gran maioría perciben prestacións de carácter asistencial, subsidios (37.477); renda activa e inserción (8.898); ou programa de activación de emprego (2.112 persoas).

Para UGT-Galicia é crucial revisar o actual sistema de protección ao desemprego. Neste senso, as políticas de protección por desemprego deben reforzarse e ampliarse as prestacións contributivas e asistenciais, aumentando o grado de cobertura e de atención ás persoa máis desprotexidas. Hai que corrixir as insuficiencias, sempre no marco da mesa do diálogo social.

Preocupa o aumento exponencial do contrato de apoio a emprendedores. Medra un 21% no último ano

Ao Sindicato tamén lle preocupa o aumento exponencial do contrato de apoio a emprendedores, nacido baixo a reforma laboral de 2012, co fin de camuflar a precariedade na contratación indefinida. O seu uso medrou en Galicia a un ritmo do 21% no último ano, incluso por enriba do que sucede no resto do Estado onde o crecemento nestes últimos doce meses foi do 15%.

Deja un comentario