O BNG de Celanova informa que as mortes causadas polo covid son xa 9 entre os residentes da San Carlos, despois do falecemento dunha muller na madrugada de onte no centro intermedio de Baños de Molgas e de que a dirección da residencia de Celanova confirmase que a muller falecida o pasado 28 de marzo no CHUO tamén deu positivo na proba.

Polo tanto, e segundo a información que recompilou o BNG de fontes das familias e do persoal que atende á residencia, as nove mortes por covid producíronse os días 19, 20 e 30 de marzo–as tres primeiras–e os días 1, 5, 7, 9, 18 e 24 de abril. A residencia de Celanova, que rexistrou a primeira vítima mortal da pandemia en Ourense e onde apareceu o primeiro brote grave entre as residencias galegas, sufriu 47 contaxios entre os residentes. 

A taxa de letalidade entre as usuarias e usuarios sitúase hoxe no 19,1%, a máis alta entre todas as residencias de Ourense segundo as estimacións a respecto da incidencia que se teñen feito públicas.

DISTRIBUÍDOS ENTRE CATRO CENTROS. O BNG de Celanova informa tamén que a día de onte, os residentes afectados polo covid están dispersos en catro centros, despois de que se derivase unha paciente ao Hospital de Piñor. Así, na residencia de Celanova seguen 5 enfermos de covid –catro delas permanecen no centro desde o inicio do brote; outro foi devolto desde o Hospital de Ourense a semana pasada¬-; 9 deles están no centro de Baños de Molgas, onde estaba previsto sometelos a un terceiro test durante esta fin de semana; 1 está ingresada no CHUO; e a última, no Hospital de Piñor.

DESATENCIÓN A TRABALLADORAS QUE PRESTARON UN SERVIZO VITAL DURANTE OS PEORES DÍAS. O BNG de Celanova denuncia que o  Servizo Galego de Saúde  desatenda a traballadoras da Residencia San Carlos que entran en baixa laboral e traballadoras que rematan estes días a súa vinculación coa residencia despois de permanecer durante seis semanas, nos peores momentos do brote e co persoal diminuído prestando un servizo que salvou vidas.

O BNG advirte que o SERGAS non lles ofrece a realización do test (para as contratadas durante estas semanas sería a primeira) poñendo en risco ás súas familias e obrigándoas a adoptar medidas individuais de illamento.

O BNG xa advertiu o domingo día 12 da incoherencia de aceptar que as traballadoras infectadas nos primeiros días do brote se reincorporasen ao traballo sen pasar a segunda proba. A alerta viuse xustificada cando ao día seguinte, o luns 13, o SEGAS tivo que retirar altas laborais e prolongar todas as baixas despois de detectarse un positivo de maneira casual. Oito traballadoras, o 44% das que debían reincorporarse, deron positivo esa mesma semana nos test de contraste.

CATRO SEMANAS RECLAMANDO REUNIÓN DA CORPORACIÓN MUNICIPAL. Por último, o BNG de Celanova lembra que o pasado día 29 de marzo sinalou á Alcaldía a conveniencia de convocar a Comisión municipal de Sanidade co fin de que a corporación local coñecese o impacto da pandemia en Celanova e avaliase a situación. O BNG sinalou tamén que desde o día 1 o Goberno do Estado permite a celebración de plenos de xeito telemático (tamén presenciais), polo Decreto ley 11/2020, de 31 de marzo. O BNG segue demandando da Alcaldía a convocatoria dalgún dos órganos representativos municipais para que se poida desenvolver con certa normalidade o labor institucional tal e como acontece xa na maioría dos concellos do país.