Santiago, 13 de Novembro de 2019.-  O voceiro de En Marea, Luís Villares, pediulle ao presidente da Xunta de Galicia que rectifique a súa política impositiva na sesión de control ao presidente no Parlamento de Galicia. Villares explicou na súa intervención que a rebaixa de impostos ás fortunas máis altas de Galicia é “unha política insolidaria que deixa sen servizos imprescindibles á cidadanía”. O voceiro repasou a situación económica galega, na que se “recortan servizos que axudan á xente a chegar a fin de mes, pero se permite que os ricos sexan moito máis ricos”. Villares pediu que Feijóo cambie de rumbo a política fiscal de Galicia e que atenda as necesidades e os servizos para as galegas e galegos.

Villares asegurou na súa intervención que Galicia estaba padecendo tres emerxencias, climática, feminista e social subliñando que “ningunha das tres están sendo atendidas pola Xunta de Galicia que preside Feijóo”. O voceiro de En Marea apuntou as cifras que explican a auténtica situación de Galicia e por qué a rebaixa de impostos ás fortunas e no imposto de grandes patrimonio é moi inxusta para o conxunto da cidadanía. “Galicia ten a peor evolución de emprego de todas as comunidades”. Tamén sinalou Villares que Galicia é a comunidade na que menos descendeu o paro no último ano.

A decadencia industrial que vive Galicia, a situación económica son factores que inciden decisivamente na situación de emerxencia social, que pode ser resumida o indicador Arope, que cifra a pobreza dun país. Segundo este indicador o 23% da poboación galega está en risco de exclusión, o que significa que 612.085 galegas e galegos viven no umbral da pobreza. Hai máis cifras que sinalan a emerxencia social: 34.700 fogares non teñen ningún tipo de ingresos e o 20% dos fogares non poden facer fronte a gastos imprevistos.

A emerxencia feminista está afectada polas cifras anteriores, pero ademais, tal como sinalou Villares na súa intervención, “a taxa de temporalidade se crecendo entre as traballadoras e está situada xa por riba da media española”. En Galicia a taxa de temporalidade feminina é do 27,4%. Outros datos aportados na intervención e Villares son que ao 80% do traballo temporal é feminino e a fenda salarial no país entre homes e mulleres é do 29%.

Con todos estes datos, Luís Villares sinalou que era moi inxusto que o PP “rebaixe tres impostos ás persoas máis ricas de Galicia”. En concreto estes tres impostos son o de Patrimonio, o de Sucesións e o imposto da compra de segunda vivenda. No caso do imposto de Patrimonio, que só pagan as persoas máis ricas de Galicia, Villares sinalou que Feijóo “rebaixoulles aos 6000 máis ricos de Galicia, a aqueles que teñen patrimonio por valor de varios millóns de euros, é dicir, aos que son millonarios, máis de 10 millóns de euros”.

No caso do imposto de sucesión, a situación que propón o PP nos orzamentos é que quen “quen herde entre 400 mil euros e un millón de euros de ascendentes, por cabeza, está exento do imposto”. Villares engadiu que non era de sentido común esta rebaixa por que “Os impostos gravan as manifestacións de riqueza. Acaso recibir 900 mil euros non é unha adquisición de riqueza?”.

No caso do imposto para a segunda vivenda, o voceiro de En Marea apuntou que baixo a escusa “de fomentar a compra de casas en lugares pouco poboados, agóchase unha realidade: a medida é un regalo encuberto á compra de vivenda de veraneo en case toda a costa galega”. Mentres se lle baixa os impostos a quen adquire unha segunda vivenda “hai 13 mil persoas en Galicia demandantes rexistrados de vivenda pública que cumprindo os requisitos legais, non poden acceder a ela porque a Xunta non ten cartos para poñer vivendas públicas en aluguer social, para xente moza, para familias, para persoas con poucos recursos?”.

Luís Villares pediu que se rectifique esta política que desprotexe ás necesidades imprescindibles da cidadanía. O voceiro preguntou a Feijóo “para quen goberna?”. Villares considera que “é mellor atender as necesidades de emprego, vivenda e sanidade antes que regalar o diñeiro a quen máis cartos ten”.

Let’s block ads! (Why?)

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario