O voceiro de En Marea recriminoulle ao presidente da Xunta que invista 1.200 millóns na construción dunha autovía “que xa existe”. Luís Villares aproveitou a comparecencia do presidente da Xunta no Parlamento para lembrar a duplicidade de gasto que implicará a creación da A-57 entre O Porriño e A Coruña. Un vial cun trazado paralelo ao da autoestrada AP9. “Coa construciónda A-57, que sería de uso gratuíto, a AP9 perdería a totalidade dos seus usuarios; provocando a quebra e, como xa é costume, o seu posterior rescate polo Estado. Polo tanto, os galegos gastaremos 1.200 millóns agora, construíndo a A-57; e logo 1.200 máis rescatando a AP9. A quen beneficia a construción desta infraestrutura pantasma, que o único que trae consigo é a duplicación de infraestruturas?” preguntoulle o voceiro de En Marea ao titular do goberno galego.

A Autovía do Atlántico A-57 discorre entre cidades que actualmente xa están unidas por unha vía de alta capacidade: a AP9. Polo tanto, o máis intelixente para dotar ao eixo atlántico dunha conexión libre de peaxe sería a súa recuperación.

“A AP9 xa podía ser pública se o PP quixese” apuntou Villares, que lembrou que cando esa autoestrada “estaba a piques de amortizarse, no ano 2000, e podía ser revertida ao patrimonio público; Manuel Fraga e Francisco Álvarez Cascos acordaron prorrogar a súa concesión por 25 anos máis”.

O custo medio das autovías é, segundo datos do Ministerio de Fomento, de 6,9 millóns de euros por quilómetro construído. E “o custe de rescate da actual AP9 tería un montante similar ao de construción estimado da A57”. “Cando haxa unha autovía entre Santiago e Coruña, vostede por onde circulará? Pola de pago ou pola gratuíta?”, inqueriu o voceiro de En Marea; que se referiu ao proxecto deste novo vial como un “negocio redondo”.
“O lóxico sería unha xestión pública e galega da AP9, recatando a súa concesión e converténdoa no eixo central das comunicacións por estrada do páis”, asegurou Villares.

Falta de autoridade ante a corrupción 

O voceiro de En Marea aproveitou a presenza de Núñez Feijóo no hemiciclo para lembrarlle a súa falta de autoridade nunha operación que Villares tildou de “despilfarro inútil”. “Vostede apanda con isto porque non lle queda máis remedio, porque lle marcan desde Madrid o que ten que facer”, aseverou o representante do grupo de En Marea. Quen aproveitou para lembrarlle ao presidente do goberno galego que esa mesma falta de autoridade se trasluce en todos e cada un dos casos de corrupción de membros do Partido Popular que saen á luz. “Se ten tanta autoridade por que non dimite o alcalde de Palas? Por que o PP o segue apoiando malia estar condenado por prevaricación e acoso? Por que non dimite Cifuentes?” inqueriu Vilares. Que repasou tamén outros sangrantes casos ante os que os dirixentes populares gardan “silencio cómplice”, como o de Bárcenas; a “actitude machista de Baltar, ofrecendo traballo a cambio de favores sexuais; ou a amizade do presidente da Xunta co narcotraficante Marcial Dorado. Así como o feito de que Fernández Albor cobrase 3.000 euros mensuais durante tres anos nos que non asistiu a unha soa reunión do Consello Consultivo.

Deja un comentario