O voceiro de En Marea critica a impostura do presidente da Xunta de Galicia; que este mércores acudiu á Moncloa como “valedor do pobo galego” para esixirlle a Pedro Sánchez o compromiso dunha axenda galega que nunca existiu. “Despois de dous de afonía e gardando silencio mentres o Partido Popular vetaba e ninguneaba os intereses das galegas e galegos, Núñez Feijóo non é crible na súa nova pose de Valedor”, indica Luís Villares; que destaca o feito de que o responsable do executivo autonómico “non pode esixir hoxe na Moncloa retomar ningún compromiso previo para Galicia, simplemente porque non o acadou durante a etapa de Mariano Rajoy”.


Luís Villares destaca o cinismo dun Núñez Feijóo que unha semana despois de rexeitar as peticións dos afectados pola explosión da pirotecnia de Tui no Parlamento de Galicia acude a Madrid como abandeirado da súa causa.

“Está ben que Núñez Feijóo fale de Paramos na Moncloa, pero puido telo feito a semana pasada no Parlamento de Galicia e negouse. Tal vez para non dicirlles á cara aos afectados que a vida dos falecidos de Tui vale menos que a dos mortos nos lumes de outubro; ou que van ter que pagar parte das casas calcinadas do seu peto porque ao presidente da Xunta non lle dá a gana de recoñecerlles esa axuda”, indica Villares.

O voceiro de En Marea bota a vista atrás para lembrar os dous últimos anos nos que a maioría aboluta do PP foi “absolutamente ruinosa para os intereses das galegas e galegos, e nos que en vez de conseguir compromisos para o país o Partido Popular foi garantía de amordazamento dos nosos intereses”.

En relación á transferencia da AP-9 a Galicia, Villares lembra que se trata dunha reclamación que o Partido Popular vetou ata catro veces no Congreso; e incide na posibilidade factible que En Marea xa ten posto sobre a mesa en repetidas ocasións e que o goberno galego podería executar se tivese un interese real neste asunto: destinar á recuperación para o público desa autoestrada os 1.200 millóns da A-57.

En materia de infraestruras, Villares lamenta que as reclamacións de Núñez Feijóo se centren no AVE, deixando a un lado os trens que de verdade unen Galicia. Nese sentido, o voceiro de En Marea reclama a necesidade de mellorar e implementar as liñas de cercanías que a diario empregan as galegas e galegos nos seus desprazamentos, como a Ferrol-Coruña, Ferrol-Ribadeo (FEVE) ou A Coruña-Lugo-Ourense. Ademais, o voceiro lembra os 2.400 millóns de euros que o goberno de Mariano Rajoy deixou sen executar en materia de infraestruturas. “Que Núñez Feijóo pida agora a execution desas partidas implica reconocer a inacción do seu partido”, destaca.

En relación ao modelo proposto por Núñez Feijóo para o financiamento autonómico, o voceiro de En Marea indica que “Galicia non precisa fondos para atender ao avellentamento poboacional da Comunidade Autónoma, senón para revertelo”. Villares lembra que En Marea aposta por un sistema que permita poñe ten marcha políticas de creación de emprego para que a mocidade galega non teña que emigrar. Luís Villares ironiza ademais sobre o feito de que o presidente da Xunta leve agora á Moncloa un asunto sobre o que non amosou o máis mínimo interese ata o de agora.  “Pedro Sánchez ten sorte de ter escoitado a proposta de Feijóo neste senso, que ata o día de hoxe descoñecemos no Parlamento de Galicia”.

Luís Villares destaca outros temas importantes que a indolencia de Núñez Feijóo non permitirá poñer na axenda do presidente da Xunta para Galicia, como o cese da actividade de Ence, “que segue na Ría de Pontevedra por un acto corrupto cometido por un goberno en funcións que agora Pedro Sánchez ten oportunidade de correxir. Pero ao presidente da Xunta non lle interesará falar disto, porque tal vez remate alí de conselleiro delegado, igual que outros cargos do Partido Popular”.

Deja un comentario