O voceiro de En Marea fai un chamamento para que a cidadanía permita cos seus votos que, a partir do vindeiro domingo, os Concellos galegos conten con gobernos comprometidos co benestar das maiorías sociais e co impulso de políticas progresistas. É a mensaxe que Luís Villares deixou na Guarda e en Oia, ata onde se desprazou acompañado da vicevoceira, Ana Seijas, para arroupar os proxectos de En Marea A Guarda e Movimento Oia. O voceiro reivindicou a necesidade de que o porto guardés conte o antes posible cunha saída sur que mellore e impulse os seus tráficos. E achegouse tamén ata o Mosteiro de Oia para comprobar o estado dunha edificación histórica que, xunto ao conxunto do patrimonio local, a formación que encabeza Xoán Lois Vila se compromete a seguir poñendo en valor.

«No 2015 as Mareas municipais chegaron non coa intención de ser un simple apoio aos gobernos locais do PSOE. Viñeron para reemprazar completamente a quen non estaban exercendo como voceiros da cidadanía e do bloque progresista», destaca o voceiro de En Marea, que reivindica as Mareas locais como a única garantía dun cambio nos Concellos galegos.

Luís Villares denuncia a falta de compromiso coas necesidades e o benestar ca cidadanía que o PSOE e o BNG teñen demostrado ata o día de hoxe nas corporacións municipais. Así como a evidencia de «que durante décadas o PSOE estivo integrando o bloque conservador no ámbito municipal, xunto co Partido Popular, con prácticas como as que vemos na Guarda ou como as que vimos ao longo dos últimos anos na Coruña», denuncia o voceiro.

«As Mareas municipais son a única alternativa verdadeiramente progresista para ocupar todo o espazo político para a cidadanía que quere políticas realmente transformadoras», asevera Villares. Que destaca que foron precisamente as Mareas as únicas formacións «que fomos quen de poñer enriba da mesa axendas políticas que ata o de agora foran esquecidas polos partidos políticos que se dicían de esquerdas».

A aposta de En Marea pasa por impulsar nos Concellos galegos políticas que garantan a transparencia e a democracia nas institucións, así como a rendición de contas e o impulso de orzamentos participativos. «Tamén unha axenda política pública que permita a recuperación de servizos esenciais para o común», explica o voceiro. Que pon en valor a vontade dos espazos mareantes de avanzar na remunicipalización de servizos que foran privatizados ao longo das últimas décadas polo Bloque Nacionalista Galego e polo Partido Socialista. «Estamos asumindo esa tarefa. Fixémolo en Santiago coa ORA, en Teo coa auga, e tentámolo na Coruña ata o final coas bibliotecas, pero o PSOE non o permitiu. Estamos colocando a axenda social en primeiro termo. Apostamos por rendas sociais básicas municipais para a xente que peor o estaba pasando. E non renunciamos a novas estratexias que permitan aforrar custos e impulsar políticas redistribuidas nos Concellos. Como empresas públicas de enerxía que permitan establecer tarifas sociais e compra de eletricidade unicamente a empresas que traballen con renovables e que non establezan condicións abusivas para os consumidores», explica Villares.

O voceiro destacou o caso da Guarda como evidencia das políticas e intereses contrarios ao benestar das maiorías do PSOE.  «Na Guarda prodúcese o mesmo que na Coruña, e é que vemos un PSOE que integra o bloque conservador xunto co PP. Do mesmo xeito que na Coruña vimos como se daban a man na moción de confianza para evitar a remunicipalizacion de servizos públicos esencias para a cidadanía, como eran alí as bibliotecas, vemos na Guarda como o PSOE incorre nas mesmas prácticas caciquís e clientelares que o PP», denuncia Villares. Que lembra que «non en van o PSOE da Guarda foi condenado no mes de decembro de 2018 por irregularidades en contratacións relacionadas co Concello. Prácticas absolutamente rexeitables», fronte ás que a Marea local aposta pola «transparencia e o tutor da xente, como unha saída sur para o porto que conseguiría mellorar as condicións de acceso e a saída das mercadorías».

Lidia González, candidata á alcaldía de En Marea na Guarda, tamén destacou a necesidade de traballar para desbloquear a posta a disposición do paralizado chan industrial. Unha cuestión «paralizada dende hai moitos anos, cando hai moitos miles de metros cadrados xa mercados, e que debe retomarse o antes posible». A cabeza de lista da Marea local tamén se compromete a traballar para impulsar a conexión da localidade mediante vía de alta capacidade. Unha medida básica para impulsar unha mobilidade máis cómoda para a poboación local, que coa rede de estradas actual tarda 25 minutos en desprazarse ata Tui.

O turismo é outro dos eidos nos que a formación local se compromete a traballar a partir do 26 de maio. Nese aspecto pon o foco Ana Vicente, membro da candidatura de En Marea na Guarda, que destaca o «amplo potencial» dunha vila que «caca vez recibe máis peregrinos». A candidata denuncia a insuficiente resposta que o actual goberno local está a dar a esta realidade, cunha oficina de información turística que unicamente abre de luns a venres e polas mañás, «como se se tratase dun servizo administrativo máis». E comprométese a impulsar un servizo de calidade que contribúa a impulsar o turismo na localidade.

Pola súa banda, o candidato de Movemento Oia, Xoán Lois Vila criticou a postura do goberno local e da oposición dese municipio, que recorren ás mentiras e ás inxurias para facer campaña. «Confunden quen son os seus opositores e abusan do populismo», lamenta o candidato, que pon en valor o traballo feito pola súa formación para que o Mosteiro de Santa María de Oia puidese volver formar parte da Lista Verde de Hispania Nostra «despois de tres lexislaturas de inmobilismo do PSOE e dos demais partidos da oposición en Oia». «Despois de todas as nosas reivindicacións conseguimos que as visitas guiadas volten ser unha realidade e que o propietario do mosteiro comece a responder e a avanzar na conservación e restauración deste BIC», destaca Vila. Que destaca o Plan Integral para a recuperación e posta en valor do patrimonio local de Movemento Oia. «Queremos potenciar todo o patrimonio de Oia. O mosteiro é un motor importante, un centro neurálxico que hai que seguir defendendo. Pero temos un patrimonio moi amplo que vai máis aló e que é necesario defender. Temos todo en Oia, só temos que polo a funcionar e sacarlle o partido que merece», indica o candidato.