O voceiro de En Marea denuncia a decidida aposta do Partido Popular pola liña máis dura, reaccionaria e xenófoba que representa Pablo Casado e reclama para Galicia unha política afastada da corrupción, os recortes e a insolidaridade que veñen caracterizando o facer do partido de Núñez Feijóo. Na víspera do 25 de xullo, Luís Villares fixo balance de dous anos nos que a Xunta estivo dirixida por un “presidente zombie” máis ocupado nos seus propios intereses que nos problemas da cidadanía. “Galicia precisa unha opción política que se ocupe dos problemas reais da xente, que asegure o dereito da xente a chegar con dignidade a fin de mes e que traballe polas oportunidades que o PP leva negado” ata este momento, destaca o voceiro de En Marea.
Galicia merece unha opción política que corte definitivamente coa corrupción e priorice o benestar do conxunto da cidadanía. Algo que o Partido Popular, logo de dous anos de afonía e xordeira, non está en disposición de garantir. Moito menos logo do respaldo aportado á liña máis dura, extremista e insolidaria que representa Pablo Casado.
Villares botou a vista atrás para lembrar momentos dramáticos do recén rematado curso político, nos que a incapacidade do goberno da Xunta para atender as necesidades e reclamacións da cidadanía quedou máis patente que nunca. Momentos como a vaga de lumes do pasado mes de outubro, cando o goberno de Núñez Feijóo amosou a súa cara máis “indolente e cínica” ao deixar en evidencia a súa incapacidade e retratarse como un incompetente mentres a xente se botaba ás rúas e ao monte con baldes.
O voceiro de En Marea lembrou tamén o posterior abandono ao que o goberno de Núñez Feijóo someteu ás vítimas dos lumes e aos Concellos, así como os recortes que caracterizaron a súa xestión “nun momento no que a fase alcista do ciclo económico parecía anunciar o contrario”. Nesa liña, Villares non quixo pasar por alto a reforma da Lei de Sanidade impulsada polo executivo do Partido Popular, que supuxo a supresión de catro áreas sanitarias e trouxo consigo un incremento dos recortes en atención primaria. Unha iniciativa do Partido Popular que trouxo importantes consecuencias e afondou no deterioro do sistema público de saúde galego, con baixas que non se cubren, listas de espera hospitalarias encubertas e a máis recente vaga de denuncias pola carencia de pediatras.
Para o voceiro de En Marea resulta evidente que; logo do novo xiro cara á dereita que o Partido Popular ven de dar coa elección dun Pablo Casado coñecido polas súas posturas xenófobas e insolidarias; Galicia merece cortar definitivamente cunha formación caracterizada pola uso clientelar das institucións e a corrupción. Nesa liña, Villares lembrou o respaldo que Núñez Feijóo e o resto do PP galego deu á Valedora do Pobo despois de que unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza condease á institución “por enchufar á irmá do voceiro do Partido Popular no Parlamento. Feijóo demostrou que para el a administración é o seu cortijo, como se dunha película siciliana se tratase. Un exemplo de corrupción que tamén vimos no Caso Campeón, a primeira condena en firme de membros do goberno do PP de Feijóo.
Para En Marea é tempo de romper cun xeito de facer política afastado da realidade social e xordo a clamores unánimes como o evidenciado tralas mobilizacións do 8 de marzo. “Unha mobilización social que non foi seguida das reformas lexislativas e administrativas necesarias para cumprir co reclamo cidadá a favor da igualdade real entre homes e mulleres”.
Na mesma liña, Villares lembrou non só a xordeira, senón a ocultación que o goberno de Núñez Feijóo tentou facer ante a masiva manifestación contra a mina de Touro “que envelenará a auga da que beben 100.000 persoas, que estragará o Camiño De Santiago no seu tramo final e que contaminará a Ría de Arousa atentando contra a súa riqueza marisqueira”.
O voceiro lembrou a sumisión ante o goberno central que caracterizou a xestión do responsable da Xunta de Galicia, que non foi quen de facer valer os intereses da Comunidade e mantívose sumiso e incapaz de facer valer a súa maioría absoluta para conseguir sacar adiante unha axenda galega que non existiu.
Así as cousas, Villares entende que a elección de Pablo Casado e o respaldo ao novo líder do PP de Galicia e de Núñez Feijóo supoñen “un levantamento de careta. Casado non é un líder calquera. Forma parte dos movementos extremistas e autoritarios europeos, é un líder autoritario, insolidario, xenófobo e reaccionario” cun ideario equiparable ao dos movimientos autoritarios que se abren paso en distintos países de Europa, como Hungría e Polonia, e que ten pedido publicamente a supresión da libre circulación de persoas nos territorios da Unión.
“Con este xiro oficial que dá Casado e que avala Feijóo co respaldo dos seus compromisarios entendemos que o Partido Popular inaugura unha nova liña oficial, xa sen máscaras, e deixa de ser o partido central en Galicia”, indica Villares, que amosa o seu desexo de que un novo ciclo, libre de recortes, corrupción e insolidairedade se inaugure a partir de agora.
Memoria, verdade e xustiza para as vítimas de Angrois
Na véspera do aniversario do accidente ferroviario de Angrois, o voceiro de EnMarea quixo destacar a posta en marcha no Congreso da comisión de investigación “que ata agora negara o Partido Popular”. Luís Villares puxo en valor a oportunidade de “reivindicar a memoria, a verdade e a xustiza” que se abre con ela, e amosou o seu desexo de que se depuren as pertinentes responsabilidades políticas.