O histórico dirixente do nacionalismo galego acudiu este sábado en Compostela a manifestación contra a proliferación de parques eólicos abusivos na Galiza acompañado dunha nutrida representación de Anova, partido político do que foi fundador no 2012.

Beiras, de 85 anos de idade e catedrático emérito de Estructura Económica da Universidade de Santiago, foi acompañado polo voceiro da formación, Antón Sánchez, e o escritor, editor e exdeputado no Congreso Miguel Anxo Fernán-Vello. Anova-Irmandade Nacionalista respaldaba deste xeito a convocatoria contra o «modelo do espolio» imposto polo PP de Alberto Núñez Feijóo dende o Goberno galego «en beneficio exclusivo do oligopolio eléctrico».

O portavoz nacional de Anova Antón Sánchez (esquerda) e o exdeputado no Congreso Miguel Anxo Fernán-Vello (dereita) acompañaron a Xosé Manuel Beiras (centro), que aos seus 85 anos asistiu á manifestación contra a proliferación de parques eólicos abusivos na Galiza / Anova

A formación considera que a prioridade dun Executivo non debe ser o máximo beneficio empresarial privado, senon a defensa da xente, do medio ambiente, a paisaxe e a cultura tradicional, ademáis de fomentar unha economía local que vaia en beneficio da poboación, xusto ao contrario de como se está a facer dende o Partido Popular no Goberno da Xunta. Por iso, apoian a constitución de organizacións colectivos e plataformas que vertebren esta loita a nivel social e denuncien o que consideran «un auténtico atropelo».

Anova rexeita frontalmente o modelo económico imposto polo Goberno Feijóo, que considera «deseñado a medida do oligopolio eléctrico» e aposta por un sistema «democratizado e con soberanía plena» onde o pobo poida decidir sobre como quere facer xestión da enerxía, moi afastado do plantexamento «conivente» cos «donos do vento en Galiza» a través de leis a medida, como no caso de Beatriz Mato, que dende a Consellería de Medio Ambiente pasou a traballar para Greenalia, unha das empresas máis beneficiadas polo reparto eólico.

Para o seu portavoz nacional Antón Sánchez a situación fomentada polo actual Executivo da Xunta «só responde ao negocio duns poucos en contra da maioría» o que está a ter unha resposta dunha sociedade que está «farta dos abusos», sobre todo no eido rural, no que a xente está a perder servizos públicos pero agora ten que «tolerar os impactos» orixinados pola instalación de parques eólicos a carón das súas casas, mentres a enerxía producida é utilizada en boa medida para a exportación.

Por iso, Sánchez aposta por unha reforma do Plan Sectorial Eólico e unha nova base lexislativa que sirva para implantar un modelo democratizado onde a xente do común poida exercer a soberanía enerxética en base a autoconsumo, pequenas instalacións e propiedade comunitaria que revirta na poboación nun control público do vento desenvolvido «entre todas e todos».

DEJA UNA RESPUESTA