Redacción Galiza

O Grupo Confederal vén de facer unha valoración negativa dos orzamentos do Estado de 2018, dado que se conxelan as partidas orzamentarias para Galicia, despois de que se recortasen máis dun 32% no pasado ano.

“O Estado consolida a redución do investimento en Galicia, xa que vén de caer o 32,9%, ou sexa, perdeu 1 de cada 3€ de investimento en 2017 e agora, nos tempos de recuperación económica, mantén os peores datos das últimas décadas”, sinalou  Yolanda Díaz, deputada de En Marea.

Este investimento concéntrase principalmente no AVE, que absorbe o 46,8% de todo o investimento do Estado en Galicia, “unha infraestrutura que debería estar rematada hai máis dunha década continúa concentrando gran parte dos fondos destinados ao noso país, e isto débese á falta de execución de anos anteriores”.

“Por tanto o incumprimento dos compromisos con Galicia débense tamén á baixa execución. Trátanse duns orzamentos que de forma sistemática se incumpren polo que resulta un fraude para o noso país”, denunciou Díaz.

“En Galicia falamos de contas conxeladas e desequilibradas, cando en realidade precisamos orzamentos para garantir a calidade de vida e a cohesións interna a través de infraestruturas de cercanías”, sinalou a parlamentaria. Especialmente dramática é a situación de Lugo e Ourense, que sofren fortes baixadas de investimento, cun 20,3% e un 11,6% menos, respectivamente.

Díaz denunciou tamén o contexto de forte baixada de salarios e deterioro do emprego de calidade. “A política do Goberno está baseada en destrozar o emprego de calidade”, sinalou a deputada, que destacou que no ano 2017 había 2,5 millóns de persoas en desemprego e consignábanse 7.200 millóns. Agora, con 3.5 millóns de desempregados, só hai unha consignación de 5.7 millóns”.

“Véndennos unha subida das pensións das viuvas cando é un mandato dende 2011. Subir as pensións non contributivas un 3% é unha broma de mal gusto. O que cómpre facer é garantir pensións dignas para a xente”. Estes orzamentos mostran que o Goberno non ten vontade de revalorizar as pensións en relación ao IPC.

Deja un comentario